A UCGAL advirte de que Amazon non é quen de cumprir prazos de envío

xoves, 26 de novembro do 2015 Fernando Sarasketa

Amazon, o xigante do comercio electrónico, semella que non é quen de facer chegar os pedidos dentro dos prazos estipulados antes da compra dun produto dos seus catálogos. Así nolo lembra estes días a Unión de Consumidores de Galicia, UCGAL, que vén de emitir un comunicado advertindo sobre un problema xeral (os posíbeis adiamentos nos nosos pedidos con motivo da celebración do Black Friday, a festa das rebaixas e descontos que adoita abrir a campaña de Nadal) e un problema máis concreto (os adiamentos de Amazon). En palabras da plataforma galega, “cómpre advertir aos clientes e usuarios de Amazon España, sobre todo tendo en conta a proximidade dunha data tan sinalada como o Black Friday, que poñan especial atención ós prazos de entrega dos pedidos que promete a compañía, e que son vinculantes”.
A organización galega sinala que tivo ocasión de comprobar ela mesma o incumprimento, por parte de Amazon, das condicións determinadas dun envío do servizo Premium, un servizo de pago. E detalla, a maiores, como un asociado da UCGAL mercou onte 25 de novembro un produto no portal da dita compañía facendo uso da súa conta Premium, un produto que se acompañaba dunha data de entrega garantida, segundo o primeiro aviso da empresa, para o día seguinte. “Porén”, informa a UCGAL, “menos de oito minutos máis tarde o noso asociado recibiu o aviso de que a entrega se realizaría posíbelmente un día máis tarde”. Para a organización galega, tendo en conta este exemplo concreto, Amazon “non só incumpriu as súas condicións de envío senón que tamén vulnerou os dereitos da persoa consumidora”. Isto, engadido ao feito estarmos preto da celebración do Black Friday, “data na que pedidos e vendas no comercio electrónico dispáranse especialmente”, leva á UCGAL a “dubidar seriamente” da capacidade de Amazon para cumprir co que ofrece en materia de envíos. A organización lembra no comunicado que está a disposición de todas aquelas persoas que sexan vítimas de situacións como a devandita.

PUBLICIDADE