A Unión de Consumidores de Galicia tirará proveito da banda deseñada para unha mellor comunicación en liña

venres, 16 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Esta tarde as aulas do Mercado de Abastos de Santiago de Compostela foron o escenario escollido pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) para presentar a súa nova iniciativa, #BenFeito, unha ferramenta de comunicación que conxuga innovación con accesibilidade e que se adapta a distintos perfís de público co obxectivos de achegar as mensaxes que UCGAL (por si mesma ou en colaboración con empresas entidades e administracións) desexa trasladar ao conxunto da sociedade galega.

Viñetas para comunicar dun xeito máis áxil

A entidade empregará como linguaxe de comunicación a banda deseñada, buscando así transmitir dun xeito directo, rápido, comprensible e moi accesible as súas mensaxes e os resultados do seu traballo, para o que o ilustrador Marcos García Rodríguez (Quenindiola) deseñou á familia de Os Benfeito, construída en base a unha diversidade que facilite a identificación dos cidadáns cos distintos personaxes.

O acto de presentación desta nova liña de comunicación de UCGAL estivo conducido polo Kiko Novoa, condutor do programa Galicia por Diante da Radio Galega, no que tamén participa semanalmente Miguel López Crespo, secretario da Unión de Consumidores de Galicia, quen recoñeceu que con esta idea buscan especialmente difundir as súas mensaxes a través de plataformas como Facebook ou Twitter, nas que a imaxe cada día cobra máis peso, e as comunicacións teñen que adoptar formas sinxelas para chegar mellor ao público. Os Benfeito xa contan con páxina de seu en Facebook e conta oficial en Twitter, canles que aproveitará UCGAL para mellorar o seu labor de divulgación.

A familia Benfeito bota a andar as súas aventuras cunha banda deseñada na que explican por que son socios da Unión de Consumidores de Galicia:

PUBLICIDADE