A Universidade de Vigo colabora nun proxecto de báscula para os controis médicos a distancia

venres, 29 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

Estes días a Universidade de Vigo está a informar dun desenvolvemento tecnolóxico que ben se podería situar no vieiro cada vez máis amplo e concorrido da informática socio-terapéutica. É dicir: aquela que, amais de comunicar ó usuario co mundo, mellora a súa calidade de vida no caso de que teña algunha doenza ou discapacidade que limite a súa mobilidade. Estamos a falar dun proxecto de innovación que, como case todos os desta natureza, benefíciase dun traballo a varias mans. Non en van, une dous mundos: o das tecnoloxías propiamente ditas e o da medicina. O proxecto, no que participan a empresa Wireless Galicia, o Grupo de Tecnoloxías da Información da ETSE de Telecomunicación de Vigo e o Hospital Juan Canalejo da Coruña, está especialmente encamiñado a favorecer a vida dos pacientes con doenzas crónicas.
Isto acádase basicamente grazas ó seguinte: achegándolles controis médicos co emprego dunha báscula conectada ó teléfono móbil a través da transmisión de datos sen fíos, neste caso con tecnoloxía Bluetooth.
A idea consiste en que ó outro estremo desta liña de comunicación a tempo completo estea precisamente un médico, que se dedicará a avaliar os datos achegados polos doentes evitándolles deste xeito a necesidade de ter que desprazarse fisicamente ó centro hospitalario. As bazas do sistema, amais de subministrar a posibilidade de facer a distancia o que levamos facendo toda a vida en persoa (a consulta), son as seguintes: a súa fiabilidade tecnolóxica e o prezo reducido, segundo indican os ditos departamentos responsables do servizo.
Para Francisco Javier González Castaño (na imaxe), coordinador do equipo de traballo que achega a ETSE de Telecomunicación, a cousa está ben clara: “O hospital precisa que se lle garanta a fiabilidade dos datos que recibe, algo que non é posible con outros sistemas. Ademais está o elevado prezo do equipamento de laboratorio que está fóra do alcance das economías domésticas". Por certo que o seu grupo TIC, neste sistema en concreto, dedícase sobre todo a achegar a súa experiencia con redes sen fíos. Pola contra, o Juan Canalejo acode coa parte médica e Wireless Galicia cos sistemas de interpretación de datos.
Unha das grandes vantaxes do sistema radica en que precisa de elementos de sobra coñecidos por case todos os usuarios potenciais: un móbil e unha báscula. Así, o móbil serviría entre outras cousas para avisar ó enfermo da necesidade de pesarse, poñéndose en marcha a maquinaria de achega de información do servizo. Por certo que a báscula, segundo indican os responsables do proxecto, estará dispoñible no mercado para os doentes crónicos no prazo duns meses, sendo ben probable que se poida adquirir en establecementos convencionais.

PUBLICIDADE