A aplicación de participación galega Wej Circle premiada en Barcelona

mércores, 4 de marzo do 2015 Redacción

Franco Pérez, enxeñeiro do Agrupamento Aeroespacial da Universidade de Vigo, vén de rematar o periplo de innovación tecnolóxica de Imagine Express que avanzamos dende Código Cero os días pasados, salientando que se trataba dunha convocatoria do emprendedor catalán Xavier Verdaguer ao abeiro da súa iniciativa Imagine Creativity Center, un espazo de traballo radicado en Silicon Valley (Estados Unidos) dende o que se convoca cada ano a desenvolvedores españois para traballar en retos concretos. Precisamente nisto consistiu a experiencia de Franco Pérez: en acometer un desafío tecnolóxico e en facelo ademais de viaxe por Europa. Máis polo miúdo, foron catro días de estadías en Barcelona, París, Londres e de novo Barcelona. A xuízo de Franco, a experiencia de participar en Imagine Express 2015 resultou ser espectacular.
Ao seu carón, pechando fileiras, tivo un equipo de 36 desenvolvedores seleccionados de entre máis de 2.000 profesionais de toda España, co obxectivo común de dar forma a aplicacións móbiles innovadoras e avanzadas, nunca vistas. No equipo no que Pau Argelaguet puxo a idea e Elizabeth Lee as técnicas de negocio, Franco Pérez encargouse, en colaboración en remoto cos tamén enxeñeiros da Agrupación Aeroespacial da Universidade Aaron Narcellas, Bibiano Fernández-Arruti, Xabi Crespo e Diego Hurtado, de dar forma á parte técnica de Wej Circle, un sistema que permite compartir música entre varios usuarios mediante o emprego dun algoritmo. Con este sistema, explica Pérez, o equipo recibiu no transcurso do Barcelona Mobile World Congress un galardón da Dirección de Innovación do Ajuntament de Barcelona, que o acredita como o mellor prototipo.
Porén, Wej Circle non estivo entre os catro proxectos gañadores do Image Express 2015, que premiou unha aplicación para diabéticos, Buddyfit; unha app destinada a reducir o número de accidentes dos operarios que traballan sobre o terreo, Safe&Sound; outra ferramenta dirixida a formar ao máis cativos e cativas en finanzas, FunForFamily; e outra que ten a finalidade de recuperar a rúa como zona de lecer para nenos e nenas, HybridPlay. Malia todo, Franco Pérez amosou a súa satisfacción polo recoñecemento obtido en Barcelona, “e máis por ser unha distinción ao traballo en equipo con Pau Argelaguet e Elizabeth Lee, pero sobre todo, cos compañeiros da Agrupación Aeroespacial”.

PUBLICIDADE