A compañía Xerpo converte ao protagonista de A Metamorfose de Kafka nun programador atafegado pola tecnoloxía

venres, 27 de novembro do 2015 Fernando Sarasketa

Os tempos van cambiando pero o home e os seus medos seguen sendo semellantes. Cambian a forma e os escenarios, pero a orixe do problema segue a ser en boa medida a mesma. No libro A Metaformose de Kafka, a obra orixinal, o protagonista empregaba demasiado tempo de si mesmo en illarse dos demais, probablemente porque tampouco se lle ofrecían moitas alternativas. Mais, que pasaría se o argumento da novela estivese ambientado nos nosos días? Para Xerpo, a compañía teatral residente na Sala Ingrávida (O Porriño), ben puidera acontecer que Gregor Samsa, o protagonista da novela de Kafka, fose unha persoa literalmente abafada polas novas tecnoloxías. Nisto consiste en parte a volta que o grupo de teatro lle vén de dar á Metamorfose, unha revisión en clave TIC que se presenta cun epígrafe que fala por si so (Cara a onde chegaremos coa tecnoloxía?) e que se estrea o vindeiro día 4 de decembro na devandita sala do Porriño, ás 21.30 horas.
Segundo nos contan dende Xerpo, se ben o espectáculo está inspirado no clásico de Kafka, “o noso Gregor é un programador pechado na súa casa que preocupa á súa contorna familiar e laboral”. E engaden: “O protagonista está emprazado nunha contorna futura que en certa maneira non variou moito da orixinal, o mundo segue igual e el, coma os grandes e descoñecidos xenios, traballa nun proxecto que pode cambiar a concepción que o ser humano ten da vida”.
Máis en detalle, na proposta do grupo do Porriño, Samsa é un programador informático que traballa para unha empresa que abusa dos seus servizos, é “un mileurista” do que depende toda a súa familia e que, no seu tempo de lecer, centra os seus esforzos nunha ambiciosa e innovadora tecnoloxía: un emulador do pensamento humano que sobre o papel tería a capacidade de reproducir o pensamento do ser humano, dunha persoa concreta. Porén, a arela de concretar este traballo unido á falta de orzamentos, levan a Gregor a cometer unha imprudencia: a probar a tecnoloxía en si mesmo. Para quen queira albiscar un pouco máis da proposta de Xerpo, sinalar que o grupo habilitou en Vimeo un inquedante vídeo de promoción:

PUBLICIDADE