A galega Alcatraz ponse á fronte do sector TIC especializado en cumprimento normativo

venres, 9 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

A empresa galega Alcatraz Solutions, con sedes na Coruña e en Madrid, vén de facer reconto do acadado ao longo do ano en materia de ampliacións das súas dependencias e de facturacións. A firma, especializada en cumprimento normativo e en protección do coñecemento (axudando ás empresas e organizacións a respectar a Lei Orgánica de Protección de Datos, LOPD), centra unha boa parte da súa actividade en achegar ferramentas software avanzadas desenvolvidas baixo o selo LOPDGEST, parte de Alcatraz.
Os obxectivos da empresa galega, que xa factura 600.000 euros e espera acadar o millón no ano vindeiro, pasan por encher os ocos de información e manobra que teñen unha boa cantidade de organizacións e entidades en materia de regulamento dos datos, un regulamento, o da devandita Lei, que marca unha serie de límites para o emprego da información persoal. Isto, sinala Alcatraz, aféctalles a tódalas empresas do Estado, xa que, en maior ou menor medida, todas manexan datos de natureza persoal de persoas físicas: clientes, provedores, empregados, colaboradores, accionistas, etc.
Alcatraz, que segundo os seus recentes informes manexa xa a cuarta parte da cota do mercado, foi posta en marcha por Leopoldo Mallo, fundador e actual director xeral da empresa, que xa ten máis de dúas décadas de experiencia dirixindo equipos, sobre todo de software e de distribución internacional de alimentos. Segundo nos conta Mallo, estamos ante unha empresa que en “pouco máis de seis anos logrou converterse en referente nacional para o sector, capaz de consolidarse e conseguir beneficios ano tras ano e medrar, incluso en termos laborais, nestes intres de crise”.
Alcatraz, que conta cunha rede de 500 socios de negocio emprazados en todo o territorio nacional, achega en compañía destes partnersun catálogo de servizos e solucións para a adaptación á normativa en materia de protección de datos que permiten avaliar e reducir os riscos sen necesidade de ser un experto legal ou un especialistas informático”. As devanditas solucións diríxense a todo tipo de clientes: pequenas e medianas empresas, comunidades de propietarios, grandes empresas, administracións públicas, tecnoloxía de computación na nube, etc. “Todo isto”, engádese dende a compañía galega, “deu como resultado unha facturación de 600.000 euros neste ano e o espallamento do negocio, coa incorporación de novas ferramentas, xunto coa ampliación das instalacións na Coruña, que permitirán que o seu actual equipo humano, composto por 12 profesionais, se duplique no vindeiro exercicio, coa posibilidade de incrementar nun 30% máis o teito laboral”.
Entre estas novas ferramentas inclúense as seguintes:
· AUDITGEST É unha solución de computación na nube para as auditorías en protección de datos. Está cen por cen automatizada e verifica o cumprimento do tratamento ou almacenamento de información persoal das distintas entidades responsables.
· BACKUPGEST. Permite a dispoñibilidade dos datos en calquera lugar e intre. Baseado en computación na nube, posibilita unha rápida recuperación da información, adaptación a diferentes contornos, flexibilidade, eliminación de investimentos e cumprimento das normativas legais.
· RECOVERYGEST. Co obxectivo de asegurar a información das empresas, Alcatraz Solutions pon a disposición das empresas e profesionais un servizo que permite establecer un protocolo de actuación fronte a posíbeis desastres informáticos. Cobre tódalas perdas de datos, asegurando a recuperación dos mesmos nun 98% dos casos.

PUBLICIDADE