A galega Kiply lanza unha aplicación de balde que nos axuda a mellorar a nosa produtividade persoal
martes, 20 de xaneiro do 2015
Unha ferramenta móbil
para axudarnos a organizar mellor o tempo que adicamos a traballar.
Esta é a base dunha aplicación de raizame galega acabada de saír
do forno (dispoñíbel dende hoxe no mercado en versión beta) e coa
vantaxe de integrar, nun único recurso tecnolóxico, consellos e
metodoloxía para guiarnos na mellora da nosa vida profesional e
persoal amais de procedementos que garanten a nosa seguridade e
privacidade. A ferramenta en cuestión vén da man start-up
galega Kiply e polo de agora só fornece versión para Windows. Pode
descargarse “de maneira sinxela e de balde” dende a páxina web
da empresa, kiply.com.
“Unha vez que a teñamos
no PC, tableta ou smartphone”, informan os responsábeis deste
desenvolvemento, “poderemos recompilar información sobre a nosa
actividade de xeito automático e sen que sexa preciso ningún tipo
de intervención adicional”. A partir da instalación, cada semana
recibiremos un correo electrónico cun informe sobre a nosa
actividade para que poidamos saber como e de que maneira investimos o
noso tempo. Unha das premisas básicas da aplicación é que todo
sexa o máis simple posíbel, á par que eficaz: “A través dun
deseño sinxelo e atractivo poderemos coñecer os nosos hábitos e a
evolución dos mesmos ao longo dos días”, explican dende Kiply,
que tamén lembran que a posibilidade de contarmos cun consello
semanal específico e particular axudarnos, e moito, a motivarnos e
mellorar.
Os responsábeis da
empresa galega tamén informan que puxeron “unha especial atención”
nunha das cuestións máis delicadas que abrangue o seu
desenvolvemento, a cuestión da salvagarda da información e a
privacidade. “Garantimos en todo intre a seguridade dos datos dos
usuarios a través dunha férrea infraestrutura”, sinalan.
Por certo que Kiply
diríxese sobre todo a profesionais independentes (freelance),
autónomos e traballadores de pequenas empresas que fagan un uso
intensivo de dispositivos con conexión a Internet no desempeño do
seu traballo cotián. “Grazas a Kiply”, explican, “aprenderán
a mellorar a súa vida profesional e persoal de forma sinxela”.
Logo deste lanzamento da
versión beta de Kiply, que xa empregan máis de 300 usuarios, o
seguinte paso será dispoñibilizar a versión definitiva, que se
prevé que chegue nun breve prazo de tempo.