Inserida na sexta edición do Congreso de Videoxogos e Creación (o congreso CIVE 2016, que avanzamos os días pasados dende Código Cero, salientando que terá lugar en Pontevedra entre o 25 e o 28 deste mes), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de anunciar que patrocinará e actuará de xurado dun maratón de desenvolvemento neste encontro. Os participantes deseñarán e desenvolverán videoxogos alén do simple lecer (serius games) que non só sirvan para entreter, senón que ademais poidan informar, formar, denunciar e simular.
Para aqueles que o descoñezan, unha game jam é un evento que consiste no desenvolvemento rápido de videoxogos, onde os participantes se reúnen en pequenos equipos de xeito improvisado para levar a cabo un proxecto nun período de tempo moi limitado, competindo uns equipos contra outros.
A quen vai encamiñada esta competición? Pois a todo tipo de programadores, deseñadores e artistas de videoxogos co requisito de que sexan maiores de idade (deberán identificarse co DNI). Cada asistente deberá levar o seu propio computador para o desenvolvemento do videoxogo, un saco de durmir ou semellante para descansar na zona habilitada, así como a comida e a bebida que precisará. A organización do concurso subministrará a conexión a Internet mediante WIFI. Cada equipo estará formado por catro ou cinco persoas. O grupo pode estar constituído á hora de inscribirse pero tamén se pode constituír no tempo adicado a tal fin ao comezo do concurso.
Engadir que a inscrición para o maratón de desenvolvemento segue aberta.
Para máis información cómpre acceder á ligazón específica deste interesante congreso.
A game jam de Pontevedra contará co apoio do CPEIG
Compartir Este Artigo

