A moda en galego faise un oco en Internet coa revista Coolt

xoves, 20 de outubro do 2016 Redacción

Este ano 2016, collendo impulso coa chegada do outono, chegou á nosa Rede unha nova revista de moda, tendencias e estilo de vida. Trátase de Coolt, unha publicación online mensual e en galego. Segundo nos fai saber Cecilia Fernández Santomé (a súa editora) no manifesto que acompaña o nacemento desta revista en liña, Coolt é unha palabra inventada, un malabarismo lingüístico que nace coa vontade de servir de ponte entre dous eidos que, estando ben próximos, ás veces sóltanse da man: o cool e a cult(ura).
Ao abriren as páxinas virtuais de Coolt, atoparanse cun arrecendo a creatividade, frescura, experimentación e orixinalidade. Dende os gustos mainstream ás influencias estranxeiras, pasando polos círculos indies... á procura do máis salientábel das pasarelas nacionais e internacionais, mais tamén nos obradoiros artesáns, nas mellores cociñas e nas escolas de deseño. Tamén haberá espazo para os novos talentos, que contarán nesta revista cunha plataforma de lanzamento.

PUBLICIDADE