O proxecto smart no que participan Santiago e Coruña (xunto con Madrid e Zaragoza) obtivo a terceira mellor puntuación entre as iniciativas presentadas (111) á segunda Convocatoria de Cidades Intelixentes promovida polo Ministerio de Industria (a través de Red.es). Así o fixo saber onte o alcalde compostelán, que debullou as liñas principais do proxecto smart no que concorre (Plataforma de goberno aberto, colaborativo e interoperable) e salientou o feito de ter sido incluído entre as 14 propostas elixidas das 111 presentadas. Segundo fixo saber, a dita plataforma “supón dar un paso máis cara a mellorar a transparencia no noso Concello”. De feito, daría continuidade a medidas como os Orzamentos Participativos, que como lembraremos xa teñen páxina web de seu (decide.santiagodecompostela.gal) para que os cidadáns presenten as súas propostas de investimento.
Segundo engadiu o alcalde, Martiño Noriega, o devandito proxecto smart foi o único proxecto gañador presentado en colaboración con outras cidades, como A Coruña, Zaragoza ou Madrid, “o que demostra que o traballo en rede, con independencia da cor política, resulta tremendamente positivo cando nos marcamos obxectivos comúns e cando queremos ser máis eficientes na xestión e no uso dos fondos públicos”.,
Tamén explicou que dos dous millóns de euros de subvención obtidos a través da Convocatoria de Red.es para a posta en marcha de actuacións relacionadas coa transparencia, o Concello de Santiago recibirá 300.000 euros, debendo achegar 200.000 de fondos propios.
Martiño Noriega fixo saber que na realización do proxecto o Concello obtivo o apoio de diversas entidades e empresas, tanto a nivel local e galego como estatal. “O proxecto”, explicou a un nivel máis concreto, “permitirá normalizar a semántica dos datos, é dicir, que todos os concellos utilicen a mesma terminoloxía para que a información á que se fai referencia poida ser comparada e analizada”. A maiores, “a plataforma permitirá seguir avanzando nos orzamentos participativos e fomentar que o acceso aos datos por parte da cidadanía sexa sinxelo e práctico”, informou, ao que tempo que engadiu que grazas á plataforma “poderase facilitar o cumprimento da ordenanza de transparencia, aforrando recursos propios ao partir das estruturas que teñen cidades como Madrid ou Zaragoza, que son referentes en materia de transparencia con índices internacionais superiores aos 90 puntos”.
A plataforma de goberno aberto de Santiago e Coruña obtivo o terceiro posto na convocatoria smart de Red.es
Compartir Este Artigo

