A terceira edición de Galicia Open Future distingue o pulo innovador de Coinscrap, Fleap e QubioTech

xoves, 24 de novembro do 2016 Redacción

A terceira edición de Galicia Open Future, o centro de crowdworking impulsado por Telefónica e AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) na Cidade da Cultura de Galicia, xa ten gañadores. Os proxectos distinguidos nesta convocatoria, impulsados dende a devandita aceleradora durante os últimos meses, son as novas firmas Fleap, Coinscrap e QubioTech. Como premio, as tres gañadoras recibirán unha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación, coa que poderán continuar o seu desenvolvemento. Ademais, poderán acceder a un préstamo reembolsábel de XesGalicia doutros 25.000 euros.
O xurado, formado pola Axencia de Modernización de Galicia (AMTEGA), o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o equipo de Carteira de Telefónica Open Future, valorou na súa decisión “a innovación, o potencial de mercado e a viabilidade demostrada durante a súa participación no programa”. Tamén foron determinantes outros factores como “o uso de tecnoloxía diferencial, a composición multidisciplinaria do seu equipo e a súa motivación”.

Presentación de Coinscrap na nova edición de Galicia Open Future

Coinscrap
Coinscrap é unha ferramenta encamiñada a aforrar e investir en carteiras intelixentes e en base a “uns obxectivos financeiros establecidos previamente”. Achega, en palabras dos seus responsábeis, “un funcionamento sinxelo e intuitivo”, fornecendo cousas como a posibilidade de redondear ao euro máis próximo cada unha das compras que fagamos co noso cartón de crédito ou débito, e transferindo logo a diferenza a unha conta corrente (ou investíndoa nun seguro de aforro).
O usuario pode acceder ademais en calquera momento ao seu historial de aforro e coñecer a porcentaxe de cumprimento do obxectivo fixado ou modificar, en función das súas posibilidades, as cantidades que destina a este fin. A ferramenta emite tamén alertas no caso de que o usuario se estea desviando do seu obxectivo financeiro e ofrécelle consellos sobre que facer para seguir no bo camiño. A súa principal diferenza con outras solucións do mercado é “que Coinscrap pode ser utilizada con cartóns de calquera entidade bancaria”.
Desenvolvida por David Conde (Pontevedra), Óscar Barba (Ourense), Diego González (Ourense) e Juan Carlos López (Vigo), a versión de aforro desta aplicación móbil estará operativa a finais deste ano, mentres que a de investimento chegará ao mercado en 2017.

Presentación de Fleap

Fleap
Trátase dun dispositivo que se coloca no pé e permítenos facer seguimento da nosa forma de correr en todo tipo de deportes. O aparello foi creado polos enxeñeiros Alexandre Tornero (Vigo) e Adrián Portabales (A Coruña). A solución ofrece métricas avanzadas sobre impactos, aceleracións, cambios de dirección ou ángulos, ademais de información sobre a distancia percorrida, o ritmo ou a cadencia. Fleap é, ademais, unha aplicación multiplataforma. Deste xeito, a información que fornece pódese visualizar en tempo real a través do móbil ou do smartwatch ou acceder a eles, máis tarde, desde calquera outro dispositivo e lugar, posto que tamén se almacenan na nube.

Presentación de QubioTech

QubioTech
Emprazada na Coruña, Qubiotech xorde como unha spin-off dun grupo de investigadores do Servizo de Medicamento Nuclear e Imaxe Molecular do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), apoiado pola Fundación Ramón Domínguez. Desenvolveu IQ-Brain, un software de axuda ao diagnóstico médico encamiñado á detección temperá de enfermidades neurodexenerativas como por exemplo demencia, o alzhéimer ou o párkinson.
Segundo salientan dende Galicia Open Future, “esta solución complementa a análise visual de imaxes e contribúe á realización de diagnósticos máis exactos mediante un algoritmo que ofrece ao médico unha fusión integrada do mapa morfolóxico e funcional do paciente”.
Por outra banda, Q-Brain automatiza a fase de cuantificación de imaxes e fusiona os estudos PET e RM achegando unha imaxe multimodal. Ademais, é quen de calcular as asimetrías metabólicas do paciente facendo unha comparación cunha base de datos de individuos sans, detectando as diferenzas e ensinando ao clínico a súa localización.
Actualmente IQ-Brain utilízase a diario no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, o CHUS. Ao longo da súa andaina xa serviu para analizar máis de 400 pacientes, achegando uns resultados que indican unha mellora no diagnóstico nun 25% dos casos.
Máis de 400 solicitudes en tres edicións
Galicia Open Future recibiu, nas súas tres edicións, as solicitudes de máis de 400 iniciativas emprendedoras de base tecnolóxica. Das 100 seleccionadas nas dúas primeiras convocatorias, a maioría experimentou importantes avances no desenvolvemento do seu proxecto e conseguiu acceder a diferentes oportunidades de negocio, entrando en contacto con novos investidores e clientes, e accedendo, nalgúns casos, a outros programas de aceleración.

PUBLICIDADE