A transversalidade das redes sociais fíxose evidente na segunda edición do Foro Unirede

luns, 29 de outubro do 2012 Marcus Fernández

O pasado sábado a Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela serviu de marco para a segunda edición do Foro Unirede, encontro que demostrou unha vez máis a transversalidade das redes sociais, que están moi lonxe de ser un ámbito meramente tecnolóxico, de aí que se abordase tanto con obradoiros técnicos como con presentacións nas que se deron a coñecer casos de éxito e boas prácticas, así como se deu a oportunidade á nosa publicación a expor a súa historia e filosofía aos presentes.
A sesión matinal do Foro Unirede botou a andar co relatorio máis técnico da xornada, coa consultora Clara Ávila empregando a figura do hipster como desculpa para facer un repaso da situación das distintas plataformas de redes sociais existentes, que van máis aló de Facebook e Twitter, e os seus distintos usos, insistindo no feito de que hai que elixir plataforma segundo os nosos obxectivos e ao público ao que queremos chegar.
Colleu o relevo Blanca Zayas, responsable de comunicación de TripAdvisor, que explorou os enormes cambios que están a supor a Internet e as redes sociais ás viaxes e á contratación de servicios para as mesmas, o que afecta de xeito drástico tanto a usuarios como a hoteis e axencias de viaxes.

O proxecto de Sentinel Wardrobe ilusionou aos presentes coa súa orixinalidade

Tras un pequeno descanso, comentouse a traxectoria de Código Cero durante os últimos case 11 anos, e pasouse despois a deixar que os responsables dos proxectos Tekuidamos, Sabor a Vida, Nyxstyle e Sentinel Wardrobe falasen das súas iniciativas apoiadas na Rede, á vez que a escritora Elena Gallego Abad comentou o seu proxecto de literatura xuvenil que decidiu apoiar nas redes sociais para achegalo ao seu público obxectivo.
A sesión de tarde do encontro comezou cun divertido relatorio de Roberto Pérez Marijuán sobre neuromarketing, explicando os fundamentos desta disciplina para explicar como pode tirarse proveito da mesma na web.

Obradoiro de Saúde 2.0 celebrado dentro do Foro Unirede

Para rematar a xornada, e poder dar cabida a unha grande diversidade de contidos, os asistentes repartíronse en 5 obradoiros distintos, que abordaban o Turismo e a Gastronomía, as Industrias Culturais (que rematou converténdose nunha especie de café literario), a Moda e as Tendencias, a Saúde 2.0 e a Comunicación e a Tecnoloxía.
Este último obradoiro contou co blogueiro David Serantes como moderador, e serviu para pór en coñecemento dos presentes os eventos mensuais LaconNetwork, as posibilidades do web:tv de Blusens, a solución de impresión baixo demanda Meubook (que incluso pode empregarse dende o mencionado web:tv), o uso que o programa da Radio Galega Come e Fala fai das redes sociais para estar en contacto coa súa audiencia, o papel que xogan actualmente os gabinetes de comunicación (desde os que se defendeu que si se fai xornalismo) e o rol que están a tomar os blogueiros como produtores de contidos (evitando caer no improdutivo debate sobre o xornalismo cidadán).
Completouse así un completo programa de actividades, no que as redes sociais fixeron de fío condutor, dando cabida a numerosos temas de interese sobre os que abrir o debate.

O obradoiro de Comunicación e Tecnoloxía contou con David Serantes como moderador
Josuke presentou a LaconNetwork como unha iniciativa social que dinamiza o sector TIC galego
José Manuel García explicou o xeito no que as redes sociais revolucionaron o seu programa de radio
O servizo de Meubook incluso pode empregarse dende un web:tv
O evento chegou a ser Trending Topic a nivel español

PUBLICIDADE