Abanca lanza a súa nova ferramenta de banca dixital: B100

xoves, 29 de febreiro do 2024 S. P.

A entidade galega Abanca presentou este xoves 29 en Madrid o seu novo negocio de banca dixital, B100, nas súas palabras “un modelo de banca para particulares enmarcado nunha nova categoría, the Healthy Banking”. A nova marca, que traballará coa ficha bancaria de Abanca, presenta unha oferta financeira consistente en tres contas, dúas delas remuneradas e unha tarxeta de débito.
A presentación realizouna o director executivo de B100, Jorge Mahía, a responsábel de Deseño e ESG, Paloma Barreiro, e o responsábel de Marketing, Luis Franqueira.
Segundo explicaron, os clientes de B100 “poderán contratar á vez e nun sinxelo proceso de alta as tres contas e a tarxeta; a Conta B100 para o día a día, a Conta Save, unha conta remunerada para os seus aforros e a Conta Health, única no seu deseño e que ten o obxectivo de fomentar o aforro mellorando a saúde do cliente”. Deste xeito, engadiron, B100 ofrece aos seus clientes a posibilidade de lograr unha recompensa en forma de remuneración se cumpren certos hábitos saudábeis como camiñar ou correr.
“Ningún banco no mundo ligou ata agora o aforro coa saúde, para contribuír a mellorar o benestar da xente, cuns beneficios tan claros", asegurou Jorge Mahía, engadindo que “para mellorar a saúde do planeta, B100 destinará un 25% do que ingresa con cada pago que realiza un cliente coa súa tarxeta de débito Pay to Save a un proxecto de loita contra a contaminación mariña.
Na aplicación móbil os clientes terán acceso a un contador que lles mostrará o plástico recollido por cada compra que efectuou coa súa tarxeta, o total do plástico recollido no seu nome e o total do plástico retirado por toda a comunidade de clientes. Este labor realizarase en colaboración coa nova firma innovadora alacantina Gravity Wave, que conta ademais cun proceso de certificación que permite saber, gramo a gramo, onde se recolleu o plástico que, grazas a B100 e aos seus clientes, xa non contaminará o mar.
B100 está dispoñíbel vía web, na App Store e na tenda de aplicacións para Android.

PUBLICIDADE