Abanca lanza un novo cartón que admite tres formas de pago a crédito a través da app

mércores, 30 de novembro do 2016 Redacción

Dende Abanca anuncian o comezo da comercialización da tarxeta Visa Tú, unha vía de pagamento cuxa engrenaxe é levado a cabo mediante a aplicación da banca móbil da entidade. Este cartón permite ao cliente adaptar o financiamento ás súas necesidades nuns segundos, ao combinar as súas funcionalidades coas vantaxes do novo servizo APPlázame da entidade. Tú é unha tarxeta con deseño vertical, que acubilla varios servizos nun só produto. Cun único límite de crédito, a tarxeta combina o habitual cargo a fin de mes sen custo, o aprazamento a varios meses e o pago cunha cota fixa mensual (coma unha tarxeta revolving).
Como se usa? Pois unha vez feita a compra, o titular poderá elixir para cada operación a maneira de pagamento ou prazo que prefire coa opción de mudar de opinión as veces que queira, antes do primeiro cargo da súa liquidación. As modificacións poderá realizalas desde o seu móbil ao instante grazas ao servizo APPlázame de Abanca, e tamén desde a banca electrónica.
Asemade, a tarxeta Visa Tú ten un dobre funcionamento: a débito ou a crédito. No caixeiro, o cliente escolle o xeito de pago: pode retirar diñeiro a débito (con cargo á conta que teña asociada) ou a crédito (con cargo ao propio crédito da tarxeta). Alén disto, nun futuro Visa Tú permitirá amortizar operacións con pagamento a fin de mes de xeito inmediato, como se se tivesen realizado cunha tarxeta de débito.
En canto a condicións financeiras, as operacións con pago en cota fixa contarán cun tipo de xuro a partir do 8,76%, segundo a vinculación do cliente coa entidade. As compras tamén se poderán aprazar entre 3 e 12 meses sen xuros mediante o pago dunha comisión de entre o 1 e o 4%. A tarxeta será de balde se o cliente cumpre as condicións do Programa Cero Comisións de Abanca ou se realiza compras superiores a 3.000 euros ao ano con este medio de pago.

PUBLICIDADE