Arteixo acolle a partir do 17 a segunda edición de educaTIC

martes, 10 de xaneiro do 2017 Redacción

O Concello de Arteixo vai organizar os días vindeiros unha nova xuntanza destinada a pór de relevo o potencial das novas tecnoloxías da información en materia de ensino. Trátase da segunda edición do Encontro de Experiencias Arteixo Innovación, educaTIC, que se levará a cabo os días 17, 18 e 19 de xaneiro nas instalacións do Centro Cívico Cultural. Segundo informa o Concello, o encontro servirá para visualizarmos as moi interesantes experiencias de educación coas novas ferramentas dixitais que se desenvolven nos centros de ensino do termo municipal, tanto en Infantil como en Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional.
As/os educadores implicadas/os, nestes encontros, amosarán as metodoloxías de ensino postas en marcha, amais dos obxectivos e froitos acadados. Esta vertente expositiva complementarase cunha arela marcadamente formativa: coas dita demostracións daráselle azos á aprendizaxe e ao intercambio de experiencias.
Os profesores dos centros implicados nos proxectos TIC locais serán os relatores principais do congreso. Tamén haberá conferenciantes externos de recoñecido prestixio, como Leandro Fernández Macho, director de On the Top e de Neurozona, que falará de como facer para “que os adultos entendan os cerebros adolescentes”;
Pedro Bermejo Velasco, neurólogo e presidente da Asociación Española de Neuroeconomía, que abrirá unha xanela á influencia das novas tecnoloxías nos recursos propios de aprendizaxe de cada quen; e Raquel Pedrouso, especialista en fornecer procesos de aprendizaxe en contornos profesionais e educativos, que achegará un relatorio sobre o ilimitado do poder do noso cerebro.
As persoas interesadas en asistir poderán inscribirse ata o día 12 de xaneiro entregando a folla de inscrición de maneira presencial no Departamento de Educación ou remitíndoa ao correo electrónico educacion@arteixo.org. As prazas son limitadas. De maneira complementaria, haberá unha exposición tecnolóxica emprazada na sala de exposicións e obradoiros de robótica para nenas e nenos de 6 a 16 anos (Cepillo robótico o 17 de xaneiro; Robot pintor – Lego Mindstorms o 18 de xaneiro e Canasta con contador – BBC Microbit o 19 de xaneiro).

PUBLICIDADE