As asociacións de consumidores guían aos defraudados coas redes sociais nas súas reclamacións

mércores, 26 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

As redes sociais medran na súa influencia, cousa por outra banda natural, que por algo son redes e son sociais. Con todo, hai servizos que se che poñen coller o brazo enteiro, en troques dunha man, cóllencho sen dúbida. Se a isto engadimos que tamén hai internautas coa garda baixa, pois basicamente xa temos unha enleada. Plataformas como ASGECO (Asociación Xeral de Consumidores) e a Confederación de Consumidores e Usuarios (CECU) reciben cada vez máis reclamacións sobre malas prácticas no devandito ámbito 2.0. Con este e outros motivos, puxeron en marcha a terceira edición da campaña Non clames, reclama, destinada potenciar as reclamacións entre os consumidores e usuarios. Para o caso que nos ocupa, entre os internautas á par que usuarios 2.0.
De feito, nesta nova entrega da campaña faise fincapé en dous sectores que as asociacións cualifican de problemáticos de abondo: os seguros (que representaron máis de 75.500 reclamacións en 2012 en España) e as redes sociais (máis de 9 de cada 10 internautas españois teñen un perfil persoal nunha ou varias redes sociais). A estratexia de información inclúe dous novos anuncios informativos e máis a difusión de 20.000 guías nas redes sociais, complementándose o seu alcance cunha aplicación para smartphones, con sistema Android ou iOS, que presenta as repostas a 100 das preguntas máis comúns sobre os dereitos dos consumidores.
Dentro da promoción da campaña a través de internet, o portal www.noclamesreclama.org fornece aos usuarios de consellos en 10 sectores, ao tempo que fican activas de xeito permanente as páxinas en Facebook, Tuenti e YouTube, así como a conta en Twitter. Segundo informan as asociacións responsábeis destas iniciativas, a edición de 2011 tivo “un importante éxito, con máis de 62.200 visitas á web do proxecto e case 230.000 páxinas vistas, máis de 800 consultas respondidas a través de correo electrónico, acumulando máis de 1.000 seguidores fieis en Twitter, Facebook e Tuenti, e preto de 42 millóns de impactos efectivos en telespectadores para a campaña en televisión durante o mes de xullo 2011”.

PUBLICIDADE