DICO Summit 2017 xuntará nun dos seus paneis a catro especialistas referenciais en realidade virtual

luns, 16 de xaneiro do 2017 Redacción

Un exemplo da actividade desenvolvida por Studio Distract

Seguimos a falar do gran evento tecnolóxico-audiovisual da tempada, tanto a nivel galego como estatal, o congreso DICO Summit 2017 que se celebra o días 24 e 25 de xaneiro no edificio CINC da Cidade da Cultura xirando arredor da potencialidade dos contidos dixitais. Se os días pasados incidimos nos obxectivos xerais do evento, paseniño pero sen pausa as entidades organizadoras (Clúster TIC de Galicia, Clúster Audiovisual de Galicia e axencia AMTEGA) vannos desvelando detalles concretos sobre o programa. Un programa, por certo, de gran interese para os profesionais dos dous sectores maioritariamente implicados, o audiovisual e as novas tecnoloxías da información, pero tamén para estudantes e representantes dos múltiples eidos de actividade empresarial onde os contidos dixitais poden bater forte e incentivar competitividade (literalmente todos os sectores). Segundo vén de informar a organización, o programa contará coa presenza de catro especialistas internacionais e animación, videoxogos e realidade virtual. Intervirán ao abeiro do panel Os contidos dixitais gañan a partida.
Falamos de Simon Smith de Studio Lidell, Steve Hanton de Studio Distract e Luca Conesa de MefistoFiles e Luigi Renna, integrante da Comunidade VRManchester, moderados polo director de Innovación Digital de Mardy Bug, Enrique Parga. Todos eles conformarán unha das seis mesas que están previstas para a primeira xornada do encontro internacional, DICO Summit 2017.

Traballos levados a cabo por Studio Lidell

Simon Smith, explican os organizadores, é un profesional con 15 anos de experiencia na industria do videoxogo en deseño, produción e desenvolvemento de negocio. A día de hoxe traballa en aplicacións de realidade virtual e aumentada en Studio Liddell. Esta empresa, radicada en Manchester, atesoura máis de 20 anos de traxectoria e conta na súa carteira de clientes con empresas como Disney, BBC, Sony, Ferrari, Pfizer ou Adidas. Asemade, Simon Smith forma parte de Gameopolis, unha rede para a promoción e contacto entre os axentes da industria do videoxogo en Manchester.
Pola súa banda, Steve Hanton é director de Studio Distract, empresa dedicada á dirección e produción de animación que traballa para entidades como Disney/Pixar, BBC, Hasbro ou o Servizo Nacional de Saúde (NHS) de Reino Unido.
Luca Conesa, pola súa parte, é un desenvolvedor de aplicacións de realidade virtual a través do seu proxecto MefistoFiles, coñecido pola aplicación ApneaVR que detecta a respiración e pasos do usuario no mundo real para transportalo ás profundidades subacuáticas. Ademais, é co-organizador do VRManchester.
Por último, Luigi Renna forma parte da organización de VRManchester, unha comunidade con máis de 400 membros formada por desenvolvedores e entusiastas interesados na realidade virtual en Manchester e a súa zona de influencia, que se reúnen para compartir experiencias ao redor desta temática.

PUBLICIDADE