Danse a coñecer na web dos Premios Darwin (un ano máis) os galardóns ás mortes máis procuradas

xoves, 11 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Hai páxinas que non pasarán nunca á historia do deseño gráfico polas súas calidades e que, porén, reciben en certas épocas do ano máis visitas que case ningunha outra. É o caso da web que mantén Wendy Northcut dende mediados da década dos noventa (non lle debeu dar unha man de pintura dende aquela, polo que se ve) e que é, por así dicilo, a cara visible de The Darwin Awards (Premios Darwin), iniciativa posta en marcha pola devandita cidadá de Estados Unidos, bióloga molecular da Universidade de Standford. A clave do éxito, xa que non reside na feitura, hai que rastrexala nos contidos e, máis polo miúdo na natureza destes galardóns, orientados a recoñecer a título póstumo (iso si) o esforzado labor de determinados individuos por quitarse do medio do xeito máis espectacular, dándolle así a razón a Darwin cando aseguraba que as especies (incluída a raza humana) tenden sempre a mellorar as súas posibilidades de supervivencia. E nada mellor que conseguilo a través de xente que se mata a si mesma do xeito máis absurdo. A todas estas persoas, que polo que se pode ver na páxina web debían recibir ordes de instancias descoñecidas para rematar coa súa vida (tal foi a súa teimosa insistencia) van dedicadas estes singulares galardóns, probablemente os máis frikis dos que este redactor teña constancia. Por certo que todo isto vén a conto porque se veñen de entregar os premios da edición 2006, e cómpre indicar que, en contra do que se podería supoñer nun principio, sempre hai unha chea de candidatos para recibir o galardón. É este certame unha falta de respecto coas persoas falecidas nestas circunstancias? Probablemente si, pero tampouco lle falta razón á devandita doutora cando asegura que non se pode deixar de recoñecer e valorar a vontade de darse de baixa da cadea xenética dalgunhas persoas, capaces até de asestar martelazos nunha granada de man ou de incrustarse no coche un foguete dos que empregan os avións militares de transporte para coller máis velocidade.

Un dos galardoados en edicións pasadas do certame en plena faena

Se son quen de facer iso e máis (como un porteiro dun edificio que se meteu nun soto asolagado mergullando un electrodoméstico aceso), como non se lles ía dar un premio?

O caso é que este ano, segundo lembra o xornal La Razón, moitos dos votos dos usuarios da web foron dar a un mecánico brasileiro ó que se lle meteu entre cella e cella que tiña que abrir unha granada RPG de impulsión por foguetes co fin de:

· Vender a chatarra a coleccionistas de chatarra.

· Ver simplemente de que está feita unha granada por dentro.

O erro de por si non foi querer abrir a granada, senón os medios empregados. Por unha banda, as operacións de apertura comezaron de maneira escasamente sutil: quixo pasar por enriba do aparello bélico co seu automóbil. E fíxoo, pero sen resultado. Pola outra, os labores remataron (e nunca mellor dito) cunha serie de manobras que, nunha escala de cero a dez nun ranking de gañanería, merecen probablemente a nota máis alta. Así, o mecánico enleouse a martelazos coas granadas e resultado foi que acabou coa súa vida, co taller e con seis automóbiles que estaban dentro.

A nosa pregunta é: e pensaría que a granada era unha bolacha chinesa da sorte?

Entre os galardóns deste ano, o meu preferido é probablemente o segundo premio, que foi dar conxuntamente a dous mozos de Estados Unidos de 21 anos, de nomes Jason e Sara. O caso é que, sen que se saiba moi ben o motivo (pódese enxergar), tomaron a cando menos curiosa decisión de meterse dentro dun globo de helio que aboiaba enriba dun establecemento comercial das aforas da súa localidade de orixe. Logo de baixalo e comprobar a súa natureza, probablemente (isto nunca poderá saberse polo miúdo) lles veu á memoria algún xogo da nenez que consistía en facer cabanas nos recunchos máis insospeitados (árbores, sotos, ocos de escaleiras, etc), para ver logo no globo un xeito de rememoralo. O caso é que se o aparello aboiaba non era porque si, e non houbo nos arredores ninguén que lles dixera que se cadra estaba no ar porque tiña gas dentro. Concretamente helio, gas que entre outras facultades (a de acabar coa nosa vida, de feito, se insistimos con teimosía en respiralo) pode estrangularnos o nivel de graves na voz até conseguir que nin sequera un berro de auxilio ben traballado acade o poder de convocatoria do mesmísimo Piolín (para o caso, Espinete arrefriado tamén vale).

O xurado dos premios, que noutros anos chegou a condecorar (a título póstumo, claro) a un terrorista que abriu unha carta bomba enviada por el mesmo e logo devolta por non ter franqueo abondo (a bomba bumerang), tamén quixo lembrar con agarimo ó doente dun hospital inglés que acendeu un pito co seu propio corpo e o pixama ben cuberto de parafina inflamable (empregada para tratar a súa doenza), en contra dos experimentados consellos do doutor que lle lembrou que o tabaco podía acabar con el, e tanto. Por certo: un dos premiados máis entrañables foi sen lugar a dúbidas o individuo que nunha festa organizada no seu domicilio quixo amosar ós seus convidados o resistentes que eran as súas xanelas de vidro aplicando sobre elas unha serie de empurróns repetidos.

Resultado: os vidros cederon e caeu ó baleiro.

No blog Merodeando de Julio Alonso atopamos incluso unha proposta para poñer en marcha uns Premios Darwin aplicados ó eido empresarial. Ó seu xuízo, as discográficas cobren moitos dos requisitos para levar o máximo galardón, ano tras ano.

Aquí temos tamén un interesantísimo artigo de Marcelo dos Santos sobre os galardóns.

PUBLICIDADE