Dezaseis proxectos TIC galegos buscan xa o seu financiamento no encontro Vindeira Capital Network

martes, 6 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

O Hotel A Quinta da Auga acolleu hoxe a apertura dun ambicioso encontro profesional encamiñado a incrementar o número de apoios de financiamento para os proxectos TIC de mercado que arestora están a coller corpo na nosa terra. A xuntanza, que se presenta como a constatación de que non tódalas billas de investimento están pechadas, arrincou no mediodía deste martes 6 cun acto de presentación perante os medios que contou coa presenza de Ricardo Capilla, director xeral de I+D, Rafael Valcarce, presidente do Cluster TIC e Antonio Rodríguez del Corral, presidente de Vindeira. O evento Vindeira Capital Network, que proseguirá ao longo do mércores con relatorios e presentacións, está organizado polo Cluster TIC de Galicia, a plataforma Vindeira e o centro Gradiant. O evento, fixo saber Rodríguez, xorde da necesidade de atopar o impulso que precisa o potencial galego, un potencial que por desgraza, e malia a gran calidade das iniciativas que xorden del, non atopa no seu propio terreo todo o apoio que precisa.
Segundo se nos fixo saber na dita sesión de apertura, na xuntanza participarán algúns dos máis importantes investidores e impulsores de negocio do panorama TIC actual, entre os que se contan conselleiros delegados e directores de investimento de capital risco e business angels. Precisamente, esta presenza activa de axentes da innovación fará posible, entre outras cousas, unha experiencia concreta de procura de apoios. En concreto, está previsto que dezaseis proxectos empresariais sexan avalados polos seus responsables co fin de acadar o capital preciso e cruzar así a liña que separa as ideas das realidades. Do total de iniciativas, oito se presentarán de xeito extenso e os restantes de forma reducida. En total, os emprendedores solicitarán 10 millóns de euros dos axentes convidados, a engadir ao xa posto en xogo polas propias firmas. Todas estas iniciativas, comentaron Valcarce e Rodríguez, contan co aval e a garantía de ter sido elixidas polo propio sector TIC galego, a través dun proceso de escolma ao que se presentaron un total de 24 empresas con cadansúa achega. A continuación, estas foron avaliados polo comité de Vindeira, cos mesmos métodos de traballo que empregarían os investidores. O resultado final foi de dezaseis, oito delas de primeira orde. Segundo informan dende o Cluster TIC, os proxectos abranguen un amplo abanico de nichos de mercado, que van desde o e-Goberno ata as redes sociais ou o gaming.
A presentación hoxe e mañá destes proxectos, unida á toma continua de contactos entre uns profesionais e outros, vai dirixida en palabras de Valcarce e Rodríguez a “crear un clima de traballo e unha rede virtual que sirva para afianzar aínda máis estas ligazóns, materializándose estas nun encontro novo a celebrar cada ano”.
Na cita de hoxe tamén participou Ricardo Capilla, director xeral de I+D, quen cualificou o evento de “exemplo a seguir” para que outras áreas, sectores ou plataformas amosen tamén a súa capacidade de emprendemento.

Axentes de financiamento

Entre os responsables de financiamento que se dan cita en Santiago atópanse representantes das seguintes empresas: Active Venture Partners, Adara, Alta Partners, Bullnet, Emerxía, G8 Capital, Going, Highgrowth, Inveready, Perennius, Enisa, NEOTEC, DADE, Factoria Dixital de Ideas e Intercom. A estas quince entidades cómpre engadir axentes de capital risco galegos, como Xesgalicia, Crecentia, Unirisco e Vigo Activo.
O encontro desenvólvese en dúas xornadas e combina relatorios e mesas de debate con dúas roldas rápida de presentación dos proxectos a cargo dos seus promotores (Elevator Pitch). Ao longo dos dous días de traballo, emprendedores e financiadores terán ocasión de manter encontros individualizados co obxectivo de concretar acordos que permitan a posta en marcha dos proxectos.
O emprazamento do encontro é, como dixemos, o Hotel A Quinta da Auga, Paseo da Amaia 23b na Urbanización Brandía, en Vidán (Santiago).

PUBLICIDADE