Diablo IV chega a Game Pass este xoves

martes, 26 de marzo do 2024 Marcus Fernández

Os usuarios do Game Pass están ansiosos pola principal estrea na plataforma de xogos mediante subscrición de Microsoft no mes de marzo, o xogo Diablo IV, que chegará ao servizo este mesmo xoves.
Para ir preparando o terreo advirten de que os subscritores de PC Game Pass precisarán da conexión da súa conta de Battle.net coa de Microsoft para poder gozar do xogo, mentres que os usuarios de consola poderán xogar directamente sen maiores complicacións.
Diablo IV é un xogo de rol de acción con perspectiva isométrica no que os xogadores poden empregar poderosas habilidades e un equipo de lenda para defender o seu fogar de demos furiosos e horrores sobrenaturais, podendo elixir os xogadores entre 5 clases diferentes con múltiples habilidades e talentos para adaptarse ao seu estilo de xogo preferido.
É un título que xa de por si ten un éxito moi grande, sendo unha franquía moi consolidada e cunha base impresionante de xogadores fieis, polo que abrirse aos subscritores de Game Pass pode contribuír a facer este xogo aínda máis grande, o que sen dúbida contribuirá a futuras entregas da saga.

PUBLICIDADE