EE UU, á fronte dos países que máis fraude en liña subministra

xoves, 13 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

Para os que sigan coa teima de pensar que a delincuencia só vén dos países pobres ou en desenvolvemento, aquí vai unha nova que os contradí: segundo un estudo realizado por S21sec sobre o fluxo de ameazas en liña detectadas durante os nove primeiros meses do ano, á fronte dos países que máis incidentes de fraude dixital provocan está por dereito propio Estados Unidos. A investigación, feita coa axuda das Forzas de Seguridade do Estado xunto con diversas entidades e empresas internacionais, sitúa ao devandito país como líder en aloxamento de webs fraudulentas, cun total de 1.105 casos, repartidos entre enleadas de phising (captación de datos persoais dos internautas para cousas como roubarlle cartos), envíos de programas maliciosos ou operacións de redirección.
Todo isto, segundo informan a axencia responsábel da investigación e os medios que reflicten estes datos, como por exemplo CiberSur, supón case máis dun 35% do rexistrado ao longo do devandito período deste ano en curso. Asemade, dos 2.265 casos de phishing
localizados neste tempo, case un milleiro estaban no seo de Estados Unidos, o que constitúe o 44% do total do contabilizado. En segundo lugar desta listaxe de dubidosa honra, atópase Alemaña, que achega 176 incidentes. No terceiro, atención, está España, con 105 casos, co que remonta dez postos con respecto á posición ocupada en 2008.

PUBLICIDADE