Economía anuncia un incremento da capacidade computacional do CESGA nun 70%

mércores, 23 de xullo do 2014 Redacción

O conselleiro de Economía e Industria visitou as instalacións do Centro acompañado polo vicepresidente do CSIC

As tecnoloxías avanzadas de cálculo e cómputo avanzan a ritmo de vertixe. O que hoxe é innovador e está no máis alto dos rankings, mañá estará na zona media. Atendendo a isto, contribuír manter no máis alto os nosos centros de I+D é unha tarefa que se debe ter sempre presente, se é preciso lembrala a cada minuto. Un destes centros galegos arredor do que cómpre pechar fileiras, tanto pola súa importancia para o noso desenvolvemento como pola súa relativa antigüidade (máis de dúas décadas), é sen lugar a dúbidas o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). O conselleiro de Economía, Francisco Conde, visitou este mércores as súas instalacións e deu a coñecer o que ten preparado o seu departamento ao respecto da devandita tarefa de apoio. Na súa estadía estivo acompañado polo vicepresidente do CSIC, José Ramón Urquijo Goitia.
Conde fixo saber que “o Goberno galego continúa traballando a prol da mellora dos computadores do centro co obxectivo de dar resposta ás necesidades do tecido produtivo e investigador de Galicia”. Para isto, sinalou, “a Axencia Galega de Innovación subscribirá un novo convenio co CESGA por valor de 300.000 euros que permitirá incrementar nun 70% a capacidade computacional do supercomputador virtual galego”.
Esta mellora, dixo, repercutirá non só no CESGA, senón tamén nas universidades, nos centros de coñecemento e no tecido produtivo por enteiro, ámbitos cos que o CESGA está a segue estar conectado. Conde tamén avanzou que o centro participará na organización e constitución dunha nova Rede de Supercomputación de España, que integrará aos principais enclaves de supercomputación do país. Tamén informou que manterá o seu recoñecemento como Instalación Científico Tecnolóxica Singular de España (ICTS), “unha vantaxe clave que lle proporcionará acceso a axudas específicas do Ministerio de Economía e Competitividade”, explicou.

PUBLICIDADE