En marcha un directorio independente de artistas galegos: Creatorio

venres, 19 de xullo do 2013 Fernando Sarasketa

Unha das cousas boas da Rede é que permite facer visíbel o que polas razóns que sexan fica agochado aos nosos ollos. Na Internet tíranse abaixo muros e tabiques, bótase luz sobre cousas de valor até o de agora invisíbeis. Un exemplo disto é o traballo despregado polos nosos artistas gráficos, ilustradores, artesáns ou fotógrafos, xente relacionada co deseño e coa imaxe dixital/analóxica e que normalmente móvese lonxe, por vontade propia, dos circuítos oficiais e das redes de clientela co poder. Pois ben, unha importante representación destes creadores vén de pór en marcha un espazo visíbel de seu, un acubillo-directorio independente a disposición do resto da sociedade. Chámase Creatorio e diríxese tamén a “crear unha relación directa entre cliente-creador, propiciando a interacción entre ámbolos dous introducindo espazos adicados ós comentarios sobre actividades e profesionais”.
Asemade encamíñase a estreitar a comunicación, e en consecuencia as posibilidades de colaboración, entre os artistas galegos sexan cales sexan os seus eidos de actividade. O directorio, de balde para creadores e usuarios, aglutina información espallada na Internet para fornecernos dunha xanela única na que petar. Na longa listaxe de obxectivos do proxecto, posto en marcha por Lúa Louro (natural do Ézaro) hai un que implica de cheo aos observadores/consumidores de creatividade galega: cómpre que teñamos en conta, sempre, que hai moito máis do que nos permiten ver os circuítos oficiais, da mesma maneira que hai máis cinema, máis arte, máis literatura, que o que se proxecta, exponse ou publícase.
En Creatorio só aparecerán persoas que residan arestora na nosa terra. Entre os seus cometidos figura o que promover todo tipo de eventos culturais galegos, mobilizando aos artistas para que xunten forzas con colectivos afíns.

PUBLICIDADE