En marcha unha plataforma en liña para garantir a presenza de medios en galego

mércores, 8 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

O galego é dende o punto de vista da información e a comunicación unha lingua tan válida coma calquera outra, co engadido de que é nosa e a nós nos atinxe a tarefa de preservala e coidala. Estas e moitas outras razóns, unidas ao peche de medios senlleiros que apostaban dende o seu comezo polo noso idioma, veñen de motivar a posta en marcha dunha plataforma social dirixida a alentar o compromiso da cidadanía e máis das administracións ca nosa lingua, plataforma que deu os seus primeiros pasos coa presentación do manifesto Os medios en galego importan e que agora aposta pola Rede para gañar o máximo potencial de promoción e convocatoria. Vémolo na páxina web do mesmo nome, unha iniciativa dixital aberta á comunidade internauta onde entre outras cousas se pode asinar a prol do devandito manifesto. Por certo que segundo se informa en Galicia Hoxe (onde se ofrece un completo estudo sobre a iniciativa e as repercusións que ten arestora), en menos de 24 horas de actividade da web, os apoios acadados xa ían alén do milleiro de sinaturas.
Os obxectivos da plataforma son claros: mobilizar á meirande cantidade de cidadáns para garantir unha información plural na nosa terra e, máis polo miúdo, que aposte pola nosa lingua, feito que en contra do que se pode pensar non ten por qué repercutir negativamente nas institucións e colectivos que avoguen polo contrario (un uso máis presente do castelán), senón que garantirían un eido informativo máis san e plural para tódolos implicados. Con todo, e tal como se agardaba, a web non é do gusto de algúns, tal e como se desprende do boicot que se lle fixo onte mesmo ao manifesto en liña, converténdoa por uns intres nun espazo ao servizo da seguinte mensaxe: “San José quere botar sen pagarlle aos traballadores d’A Nosa Terra, non firmes!!!” .

PUBLICIDADE