Entregados os galardóns dos primeiros Premios á Transferencia de Tecnoloxía

xoves, 14 de xaneiro do 2016 Redacción

Este mércores entregáronse en Santiago os Premios á Transferencia de Tecnoloxía. Os galardóns viñeron da man Real Academia Galega de Ciencias en colaboración coa Axencia galega de Innovación, e puxeron en valor dous proxectos envorcados nos segredos e características do cerebro humano, aínda que dende diferentes puntos de vista. No acto participou o conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen cualificou os proxectos galardoados nesta primeira edición do certame como “pontes entre as ideas e os empregos”.

O presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos, con José Castillo, coordinador do grupo de investigación do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS)

A primeira das iniciativas distinguidas, segundo fixo saber o conselleiro, constitúe un dos “logros da investigación biomédica da historia de Galicia”. Trátase dunha nova terapia para atallar as secuelas do ictus, desenvolvida polo grupo de investigación aplicada de José Castillo, Tomás Sobrino e Francisco Campos, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, e que será comercializada grazas ao interese dunha multinacional farmacéutica na investigación galega.

O conselleiro de Economía con Pedro Arenas, directivo de Qubiotech

O segundo proxecto premiado vén de ser recoñecido por Bayer como unha das tecnoloxías con máis proxección de España no eido da eSaúde (novas tecnoloxías e atención médica). Trátase do sistema de diagnóstico temperán de doenzas neurodexenerativas IQ-BRAIN, desenvolvido pola start-up coruñesa Qubiotech, que naceu como spin-off dun grupo de investigación do CHUS e apoiado pola Fundación Ramón Domínguez e a Plataforma de Innovación do SERGAS, e que está a ser apoiado pola Xunta a través da súa participación na aceleradora VíaGalicia.
O conselleiro resaltou que o traballo de Pedro Arenas, Jesús Silva e Pablo Aguiar “ten acadado una solución para evitar os erros de diagnóstico causados pola interpretación das complexas imaxes estruturais do cerebro, dando cun procesamento máis sinxelo, eficaz, fiábel, seguro e barato, que xa foi probado en 400 pacientes, con moi bos resultados”.

PUBLICIDADE