Estudantes do IES de Ames achéganse á técnica de impresión en 3D grazas á UVigo

martes, 14 de maio do 2013 Redacción

A impresora instalada no IES de Ames

O pasado luns 13 de maio o Instituto de Ensinanza Secundaria (I.E.S.) de Ames acollía unha demostración de fabricación de pezas mediante impresión 3D así como unha exposición representativa de pezas fabricadas polos estudantes do mesmo centro. Cómpre dicir que esta actividade foi organizada polo vicerreitor e director do grupo José Antonio Vilán, e os investigadores Enrique Casarejos e Alfredo Iglesias, do Departamento de Enxeñaría Mecánica da Universidade de Vigo. Deste xeito, os estudantes do centro de secundaria inícianse no uso deste tipo de técnicas de prototipado rápido mediante impresión 3D. Pois nos últimos tempos tense falado moito desta técnica de impresión en 3D xa que vén de fabricarse nos EE.UU. unha pistola con esta técnica, que permite prototipar, crear un obxecto, personalizalo ou experimentar sendo posible fabricar prototipos, maquetas ou facer probas de deseño.
Emporiso, non fai falla ir tan lonxe pois aquí tamén temos unha destas impresoras en 3D, máis polo miúdo, o grupo CIMA (Centro de Enxeñaría Mecánica e Automoción) pertencente á Universidade viguesa, que ven de converter a esta ferramenta de deseño e fabricación nun instrumento didáctico e de divulgación na devandita xornada levada a cabo no IES de Ames. Asemade, este tipo de actividades perseguen -segundo verbas do profesor Iglesias- “promover a formación de estudantes de bacharelato nas técnicas de deseño e prototipado rápido de pezas, empregando unha impresora 3D FDM de sobremesa e software libre de deseño 3D”. Alén disto, este encontro servía tamén para que alumnas e alumnos de secundaria descubriran as actividades de I+D levadas a cabo na Universidade de Vigo, facilitando a súa participación na produción de prototipos de compoñentes e sistemas desenvolvidos polo grupo CIMA. En concreto, traballan na construción dunha maqueta da estrutura mecánica do detector calorímetro CALIFA do experimento R3B para o centro de investigación en física nuclear FAIR en Alemaña. De feito, as pezas e maquetas que os estudantes fabrican están sendo postas á venda para poder axudar a financiar unha viaxe a este centro punteiro.

PUBLICIDADE