Facebook e Instagram padecen unha caída global de aproximadamente unha hora

martes, 27 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Entre as 7:10 e as 8:10 horas un incidente nos servidores de Facebook provocaron unha importante caída global de servizos como Facebook, Instagram e Tinder, e tras corrixirse a incidencia, o funcionamento dos servizos foi recuperando a normalidade paulatinamente a nivel mundial. Dende Facebook recoñeceron ser conscientes do problema dende os primeiros momentos, rexeitando que fosen provocados por un ataque informático (ruxerruxe provocado por un chío do Lizard Squad, grupo responsable das últimas caídas de redes como a PlayStation Network e Xbox LIVE).
Esta caída nos servidores veu provocada por cambios introducidos nos sistemas de Facebook, que afectaron á configuración dos seus sistemas, para o que reaccionaron rapidamente para solucionar o problema, que nun principio só tería que ter afectado a Facebook e Instagram (por ser ambos da mesma compañía) pero que curiosamente tamén afectou a Tinder, posiblemente porque a aplicación establece conexión con Facebook.

PUBLICIDADE