Galicia colabora nun proxecto europeo de innovación educativa

luns, 11 de maio do 2015 Redacción

Varios centros de ensino galegos estiveron a traballar no proxecto europeo EUfolio, iniciativa derivada do grupo TIC e educación do Programa Formación 2020 e Educación, cun modelo piloto co que se pretende experimentar a utilización do ePortfolio en todas as materias apoiada por unha documentación suficiente que sirva como base para implementar e salientar os seus beneficios na avaliación do alumnado. Os centros galegos participantes no proxecto son os CPI O Cruce (Cerceda), de Vedra e Alfonso VII (Caldas), e os IES da Pobra do Caramiñal, Faro das Lúas (Vilanova de Arousa), Campo de San Alberto (Noia), Rodeira (Cangas), Fonmiñá (Pastoriza), Leliadoura (Ribeira), Río Miño (Rábade), Fontem Albei (A Fonsagrada), Asorey (Cambados), e Monte das Moas (A Coruña).
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora con outros 13 socios europeos neste proxecto que enmarca nas políticas de apoio ás novas tecnoloxías xunto coa estratexia transversal do goberno galego de promoción das TIC a todos os sectores de actividade, recollida no marco de negociación egoberno2013. Nese senso enlaza co programa Abalar que recolle, suma e incrementa os recursos existentes para acadar a resposta integral e de futuro aos retos que presenta a educación dos nosos nenos na sociedade dixital do século XXI.
Ao abeiro do proxecto EUfolio desenvólvense dúas versións de ePortfolio para empregar nos países socios, así como guías de formación e directrices para a experimentación. Os ePortfolios resultantes do proxecto son espazos de traballo dixitais, dinámicos, do alumnado no que pode plasmar as súas ideas e o aprendizaxe, manexar o seu traballo e compartilo, reflectir sobre o mesmo, poñer metas e mostralo. Estas ferramentas, que os alumnos manexarán co apoio do profesorado, permitirán crear perfís, almacenar arquivos, crear resumos e publicar noticias.
A organización está deseñada dun xeito que se adecúa ás novas necesidades xurdidas polo ensino TIC e as competencias do alumnado. Deste xeito, os alumnos poderán participar en redes sociais e foros de debate dun xeito lúdico e ao mesmo tempo didáctico. A isto hai que engadirlle que os produtos elaborados polos alumnos serán avaliados por eles mesmos e polo profesorado.


Vídeo promocional do proxecto EUfolio

PUBLICIDADE