GaliciaTIC convoca o 19 de outubro ao sector galego das novas tecnoloxías

martes, 2 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

Segue adiante, malia o acontecido nos últimos anos na economía e malia o que está vindo, un dos encontros tecnolóxicos de meirande experiencia da nosa terra: GaliciaTIC. A edición 2012 desta xuntanza profesional, dirixida a procurar novos xeitos de colaborarmos arredor da causa común da innovación ligada ao coñecemento, celébrase o vindeiro 19 de outubro, no Centro Social Nova Caixa Galicia de Vigo. GaliciaTIC, que vai pola súa décima entrega, contará este ano coa presenza activa de empresas galegas de primeira liña, como por exemplo Imatia ou Edisa.
A primeira participará unha vez máis como patrocinadora, achegando a maiores contidos ao programa de actividades. Por exemplo a presentación Citizen developers, os usuarios ao poder, que virá da man do director xeral da empresa, Fernando Vázquez. Tamén organizará o obradoiro Como crear de xeito doado aplicacións de negocio, que será impartido por Alejandro Ricart, director da Unidade de Negocio de I+D de Imatia.
Polo que atinxe a Edisa, cóntanos a propia firma con sede en Vigo que amais do labor de patrocinio, colaborará nunha das mesas redondas, “trasladando a experiencia de Edisa sobre o desenvolvemento de solucións de xestión empresarial e o reto que supón o desenvolvemento de software estándar de xestión adaptado a distintos mercados internacionais”. Asemade, a empresa fará referencia ás principais tendencias a nivel tecnolóxico no referente ás aplicacións de xestión empresarial.
A nivel máis xenérico, a edición 2012 de GaliciaTIC enfocarase sobre todo a amosar as últimas innovacións relacionadas coa mobilidade (NFC, RFID), o almacenamento virtual (computación na nube), a seguridade, a xestión (management, BI, BPM), a produtividade no desenvolvemento de software e a contribución aos novos xeitos de vida e comportamento social (redes sociais, cidades intelixentes: smart cities, etc).

PUBLICIDADE