González-Sinde promete reunións e diálogo cos internautas

mércores, 8 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

Non todos os internautas teñen razóns para moverse inquietos no seu asento mentres len o nome da nova ministra de Cultura (tema do que falamos amplamente onte nesta web), pero hai unha boa parte deles, sobre todo os que teñen unha porta aberta no seu equipo para que saian e entren libremente todo tipo de arquivos (películas, música), que ven na substitución do galego César Molina por Ángeles González-Sinde o principio da fin da idade de ouro do coñecemento pola patilla e sen opción aparente de acadar solucións de consenso que, coma a posta en marcha na Illa de Man, satisfagan a uns (os usuarios) e a outros (a industria). Dito doutro xeito: unha porcentaxe importante dos internautas aos que a noticia lles toca de preto considera que coa nova titular de Cultura a tendencia da balanza será a de inclinarse só cara á protección dos dereitos de autor. Con todo, ben se lle pode deixar algo de marxe á esperanza, máis que nada se temos en conta as recentes declaracións da ministra acabada de nomear en relación á postura sobre a cuestión da Rede. Segundo explicou trala súa toma de posesión, reunirase en breve cos colectivos de internautas para tratar de atopar unha solución boa para todos, algo que por certo ve perfectamente factible. “Hoxe en día”, sinalou, “todos somos internautas e eles tamén teñen os seus puntos de vista que cómpre ter en conta”. A maiores, e para subliñar que a súa postura non é a de pecharse ao diálogo, afirmou que “da confrontación de ideas sae o futuro”.
Sexa como sexa, a vaga de reaccións en contra do nomeamento non para de medrar e coller forza. De feito, hai iniciativas dende todas as frontes: dende as perfectamente previsibles na súa postura contraria como a Asociación de Internautas, que xa está a espallar pola Rede un banner onde se esixe que non se lle dea nin unha xornada sen tregua á nova ministra, até as que ofrecen máis marxe para a sorpresa, como o punto de vista adoptado por Pedro J. Ramírez no seu videoblog, onde non dubida á hora de cualificar a posta no cargo de González-Sinde de “obscena”. No resto da Rede semella que tamén hai para dar e tomar: unha conta en Twitter chamada ’’Sinde Pírate’’ (coa que se queren pescudar os pasos de González-Sinde á fronte do seu cargo e en relación co tema da era dixital), un grupo en Facebook que anda xa a rentes dos 6000 membros co obxectivo de desbaratar a súa xestión e inclinala a favor do libre intercambio na Rede ou a páxina web de explicativo nome SINDEscargas.net, un espazo onde basicamente se pide o cese no seu cargo da titular de Cultura acabada de nomear.

PUBLICIDADE