Grandes exclusivos de Xbox poderían chegar a PS5 e Switch

luns, 5 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Nos últimos días disparáronse os rumores de xogos que até o momento entendíanse que en consola eran exclusivos de Xbox que estarían a preparar o seu salto a PlayStation 5, como o futuro xogo de Indiana Jones, un dos meirandes xogos de Bethesda (Starfield) e incluso títulos tan simbólicos como Hi-Fi Rush e Sea of Thieves (que tamén poderían chegar a Nintendo Switch).
Esta xogada tería bastante sentido, xa que para recuperar o grande investimento que supoñen as superproducións no sector dos videoxogos é preciso que cheguen ao maior público posible, e Microsoft tamén se comprometeu a pór facilidades a outras plataformas durante os vindeiros 10 anos, facendo así posible que os reguladores permitisen a adquisición de Activision Blizzard.
Ante o ruxerruxe, Phil Spencer saíu á luz pública para anunciar que a vindeira semana celebrarán un evento para dar conta do futuro de Xbox, polo que parece bastante probable que os rumores sexan certos, e que Xbox pase a funcionar máis como editora de xogos que como unha plataforma que compite co resto, aínda que a longo prazo iso podería quedar moi diluído, pois se algo está cada vez máis claro é que o xogo na nube pode xogar un rol fundamental no futuro dos videoxogos, e aí Xbox ten unha posición envexable, xa que pode ofrecer a posibilidade de xogar en consolas domésticas, en ordenadores persoais, en dispositivos móbiles e incluso en televisores conectados tirando proveito da nube, facendo pouco relevante a máquina empregada para xogar.

PUBLICIDADE