Industria encamiñou 52 millóns en axudas para estender a banda larga de alta velocidade
mércores, 26 de novembro do 2014
Logo de dar
a coñecer o volume de incentivos para a industria dos videoxogos,
o Ministerio de Industria comunicou hoxe o
importe total das axudas que destinou á extensión da banda larga de
alta velocidade. Trátase dunha contía de 52 millóns de euros,
coa que se benefician os proxectos presentados á convocatoria 2014
do programa de extensión de banda larga de última xeración (7
millóns en subvencións e 45 millóns en préstamos), un programa
inserido na Axenda Dixital de España.
O obxectivo destes
incentivos, sinala Industria, foi o de “acelerar o despregamento da
cobertura das redes públicas de comunicacións electrónicas con
capacidade para proporcionar servizos de banda larga de alta
velocidade (30 Mbps ou superior) e de moi alta velocidade (100 Mbps
ou superior) nas zonas sen cobertura actual nin prevista no vindeiros
tres anos, denominadas zonas brancas NGA”. Con estas medidas,
engade, “búscase reducir a fenda dixital, facilitando o
despregamento en áreas xeográficas nas que sen axudas públicas non
resultan rendíbeis para os operadores”. As axudas concédense a un
total de 27 beneficiarios, para a realización de 64 proxectos de
ampliación de cobertura de banda larga de nova xeración, en 613
municipios pertencentes a 14 Comunidades Autónomas.
Deles, 38 proxectos son
de despregamentos de fibra óptica até o fogar, con obxectivos de
cobertura que totalizan 301.000 unidades inmobiliarias (fogares e
locais empresariais). Outros 15 proxectos son de fornecemento de
ligazóns de backhaul, que co posterior despregamento da
última parte da rede de acceso, estenderán a cobertura a 452.000
fogares. Finalmente, os restantes 11 proxectos son de despregamento
de redes de acceso baseadas en sistemas radioeléctricos de última
xeración, con obxectivos de extensión de cobertura de banda larga a
30 Mbps a 5.000 fogares que carecen dela. Estas axudas cofináncianse
co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).