Instagram mellora a resolución das súas fotografías

luns, 6 de xullo do 2015 Marcus Fernández

As últimas fotografías subidas a Instagram presentan unha resolución de 1.080 x 1.080 píxeles en vez dos pobres 640 x 640 píxeles habituais

Actualmente o servizo máis popular á hora de compartir imaxes a través do móbil é, sen dúbida, Instagram, plataforma que incluso supera a Twitter en número de usuarios activos incluso en España, e que historicamente destacaba por ser o equivalente modernos das vellas fotografías Polaroid, cun formato cadrado e cunha calidade bastante reducida, xa que a resolución coa que traballa a plataforma é de 640 x 640 píxeles, o que parecía máis que suficiente para a pantalla do smartphone, pero que paulatinamente foi véndose como bastante pobre, xa que fixéronse normais tanto terminais con pantallas de grande tamaño como de grande densidade de píxeles.
Finalmente parece que Instagram está a tomar medidas para atallar a súa principal eiva, e así dende o pasado venres están a detectar que o servizo almacena as imaxes no seu sistema a unha resolución de 1.080 x 1.080 píxeles, aínda que continúa a amosalas ao seu tamaño habitual, pero cando accedemos a unha das súas imaxes dende un navegador de escritorio, podemos consultar o ficheiro orixinal e vemos que a resolución das imaxes é maior que a presentada en pantalla, o que fará que nos smartphones modernos as fotografías de Instagram poidan lucir ben, cun nivel de detalle máis digno do que tiñan até o momento.
Polo momento parece que esta nova práctica está dispoñible para os usuarios das aplicacións oficiais para iOS e Android, aínda que a compañía non publicou ningún comunicado dando conta da mellora de calidade das súas imaxes.

PUBLICIDADE