Jan Koum asegura que WhatsApp xa é maior que Twitter

martes, 16 de abril do 2013 Marcus Fernández

The Wall Street Journal organizou hoxe o evento D: Dive Into Mobile, no que contaron coa presenza de, entre outros, Jan Koum, director xeral de WhatsApp, ferramenta móbil que dende 2009 conseguiu converterse nun dos meirandes éxitos para dispositivos móbiles, de xeito que está considerada como a aplicación independente para smartphones máis utilizada en practicamente todos os países do mundo, con centos de millóns de usuarios e un tráfico duns 20.000 millóns de mensaxes ao día, de aí que Koum non tivese reparos en soster no escenario que son maiores que Twitter.
Este éxito está a provocar numerosos rumores referidos tanto ao seu modelo de negocio como ás posibilidades de compra por parte doutra compañía como Facebook ou Google, aínda que dende WhatsApp sempre rexeitaron facer declaracións oficiais ao respecto, polo que poder escoitar comentarios da boca do propio Jan Koum é unha grande oportunidade.
O máximo responsable de WhatsApp asegura que a súa plataforma carece de publicidade e optaron por un modelo de pagamento (pola aplicación ou polo servizo) para seguir unha estratexia baseada en construír unha boa plataforma para que os ingresos económicos cheguen despois, o que non parece moi aventurado se entendemos o volume do mercado dos smartphones, aínda que resulte bastante rechamante a oposición de WhatsApp de cara á integración de publicidade na súa aplicación móbil. Koum pensa asegura que hai empresas que fan negocios sen recorrer á publicidade e “queremos ser unha delas... a nosa estratexia de monetización é sinxela: un dólar ao ano” engadindo que “queremos un bo produto cunha boa experiencia de uso”.


A intervención de Jan Koum no D: Dive Into Mobile

PUBLICIDADE