Leiralonga.com: novo servizo para encargar en liña comida ecolóxica galega

mércores, 21 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

A Rede galega, dun tempo a esta parte e con moito de lóxica, comeza a ofrecer o mellor de seu. Mellor dito: o mellor da terra da que abrolla. Nesta liña insírense servizos como Granxa Familiar, O Rincón de Galicia, Micompragallega ou, xa con feitura de casa de comidas en liña, Leiralonga.com. Este novo recanto dixital achega un punto diferente: convida á comunidade internauta a deixarse engaiolar pola comida sa e adaptando, á Rede, unha actividade tan cotiá como ver o menú, elixir algo para comer e agardar a que cho traian. E todo apunta a que cho traen, á casa ou ao traballo.
Os pratos que se ofrecen teñen o engadido de que están feitos con agricultura ecolóxica, da nosa terra, e pódense encargar por teléfono ou ben por correo electrónico, indicando a hora e lugar de entrega (como mínimo, cun día de antelación). Leiralonga.com foi posta en marcha por dúas mozas comprometidos cun xeito diferente, natural e sostible, de producir e de alimentarnos. Isto, adaptado punto por punto á Rede e combinado coa operatividade dun servizo de reparto de comida, deu como resultado o devandito site. O servizo inclúe web, e máis blog de seu (aínda en desenvolvemento).

PUBLICIDADE