Mañá podería presentarse oficialmente Windows 9

luns, 29 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Terry Myerson aseguraba hai uns días que aínda non é oficial o nome da vindeira versión de Windows

Espérase que mañá Microsoft celebre unha presentación para os medios de comunicación en San Francisco na que previsiblemente anunciaría a nova versión de Windows e adiantaría algunhas das liñas de futuro do sistema operativo de Microsoft, que nos últimos meses está a avanzar decisivamente cara á integración das súas distintas plataformas, de xeito que espérase que ordenadores, tablets e smartphones poidan ampararse baixo un mesmo Windows no futuro (compartindo, por exemplo, tenda de aplicacións).
Polo momento da vindeira versión de Windows xa se filtraron moitos detalles, como o novo menú de Inicio, un sistema de escritorios virtuais e un centro de notificacións, á vez que se comentou a posibilidade de que Cortana se integre no escritorio (característica pola que en España aínda teriamos que agardar bastante, xa que actualmente o asistente de voz de Microsoft non está dispoñible en español en dispositivos móbiles), quedando como grande incógnita o nove do novo sistema, que estaría a responder ao nome chave Threshold e que moitos esperan que remate chamándose Windows 9 (aínda que oficialmente non hai confirmación de tal nome, pois incluso hai que considera que Microsoft podería optar a desprenderse do sufixo do seu sistema operativo).
Onte apareceu accidentalmente en Technet unha ligazón á versión preliminar para empresa do que describen como Windows TH (que parece ser o nome abreviado de Windows Threshold), que tería un tamaño aproximado de 4 Gb na súa versión de 64 bits e duns 3 Gb na versión de 32 bits, e que serviría para que os responsables de informática poidan probar o futuro Windows nos seus sistemas e as súas aplicacións, de xeito que cando o novo sistema operativo saia oficialmente non haxa atrancos inesperados. Entre as novidades do novo Windows destacarían que é máis seguro, busca mellorar a produtividade profesional, gaña en integración móbil e coa nube e permite a actualización do sistema operativo sen retardos.
Outro ruxerruxe sobre o futuro Windows é que, seguindo a liña de Windows 8.1, a súa actualización sería de balde para usuarios de Windows 8 e incluso podería chegar a anunciarse que tal política se estenda a Windows 7, o que potenciaría a adopción das versións máis recentes do sistema operativo de Microsoft.

PUBLICIDADE