Modernización dálle pulo a eAdministración nos concellos galegos

martes, 6 de xullo do 2010 Raquel Noya

Cun presuposto que ascende a nada menos que a 9 millóns de euros, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica vén de anunciar que, coa aprobación da iniciativa eConcellos, vai modernizar a relación presencial das entidades locais coa cidadanía así como facilitar o uso dos servizos telemáticos destas administracións por parte dos cidadáns.
Esta iniciativa, que a secretaria xeral, Mar Pereira, presentou durante unha xornada sobre o desenvolvemento da eAdministración nos concellos (organizada polo Club financieiro de Vigo), tén como obxectivo simplificar e mellorar os circuitos de rexistro das administracións locais e sobre todo, sentar as bases dun “desenvolvemento coordinado e sostible da eAdministración” nas entidades locais.
Mar Pereira sinalou que a modernización da Administración enmárcase nas liñas de actuación de 2014.gal Axenda Dixital de Galicia, a estratexia tecnolóxica da Xunta coa que, co pulo das novas tecnoloxías, busca converter Galicia “nunha Comunidade cohesionada social e territorialmente, situada na senda da creación de emprego e crecemento económico sostible e na que se posibilite o traballo en rede, o acceso ao coñecemento, e a participación activa de todos os axentes implicados”.
Asemade, a secretaria xeral sinalou que a modernización dos concellos no ámbito tecnolóxico é un dos eixos fundamentais da aposta do Goberno galego no impulso da administración electrónica en Galicia, xa que pola súa proximidade á cidadanía as entidades locais deben ser un importante prestador de servizos sociais.
Un dos primeiros pasos para modernizar a relación coa cidadanía previstos na iniciativa eConcellos é, segundo indicou a titular da carteira de Modernización, “a creación das oficinas de atención presencial ao cidadán da Xunta de Galicia, que actuarán como puntos de libre acceso e uso equipados cos medios precisos para que os usuarios poidan realizar os trámites administrativos de xeito telemático”.
Pereira tamén anunciou que a Xunta elaborará un catálogo de a lo menos 85 procedementos telemáticos para ofertar aos concellos galegos, dos cales se irán implantando paseniñamente os que mellor conveñan, comezando cun mínimo de 10 procedementos en 105 concellos.
Tamén se porá a disposición dos concellos a adaptación e cesión dos sistemas de licitación e facturación electrónica da Xunta para ser usados polas entidades locais e potenciar o uso da Plataforma de Contratación de Galicia e do Rexistro Xeral de Contratistas polos concellos.
Por outra banda, e xa de cara ao vindeiro ano, a iniciativa e Concellos redefinirá o modelo de rexistro do Portelo Único, existente ata agora, establecendo unha integración efectiva do rexistros públicos dixitais das entidades locais para evitar a ralentización na recepción da documentación e posterior tramitación. Este proceso de modernización suporá a dotación de equipamento aos 315 concellos e ás 4 deputacións provinciais de Galicia, cun investimento aproximado de 2 millóns de euros.
Por último, dentro das expectativas deste organismo, tamén se inclúe o afianzamento do espazo dixital EidoLocal como o portal das entidades locais, potenciando os seus contidos e que o seu uso se consolide na vida diaria municipal. A web disporá dun apartado privado que baixo o epígrafe, Carpeta do Concello, permitirá que cada municipio xestione a súa relación coa Xunta así como dun espazo destinado aos servizos de apoio aos concellos e dunha xanela única da relación de servizos prestados polas entidades locais.

PUBLICIDADE