Movistar anuncia a mellor oferta comercial para mudar de iPhone cada 18/24 meses

xoves, 26 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Nos EE.UU. estrearon hai pouco un programa para mudar de iPhone anualmente

Cando se presentaron os novos iPhone 6s e 6s Plus Apple deu conta do iPhone Upgrade Program, un novo xeito de adquirir os seus smartphones que consiste no pagamento mensual de entre 32,41 e 44,91 dólares (en función do modelo de móbil elixido) para poder así ter sempre o último iPhone, xa que permítese a súa renovación anual, e aínda que esta posibilidade non está dispoñible en España, Movistar vén de anunciar unha alternativa bastante semellante: o servizo Siempre Nuevo.
Siempre Nuevo é un servizo complementario de financiamento que bota a andar o 1 de decembro e que permitirá que os clientes de Movistar poidan aforrar un 30% no prezo dos iPhone 6s e 6s Plus e cambialos cada 18/24 meses, converténdose no que aseguran que é mellor oferta do mercado de iPhone. Este servizo supón o financiamento sen xuros e a garantía de recompra do dispositivo tras o período de financiamento; de xeito que tras 18 ou 24 meses o cliente pode elixir cambiar o seu smartphone por un modelo novo e entregar o seu, ou quedar co terminal e pagar en 4 cotas mensuais o desconto que se lle aplicou inicialmente.
Esta nova promoción pode contratarse nas tendas Movistar e ten unha cota de alta de 25 euros e, como exemplo de financiamento temos que para facerse cun iPhone 6s de 16 GB o cliente terá que pagar 20,52 euros/mes durante 2 anos, o que serían 492,48 euros, cando o prezo de venda oficial do smartphone é de 749 euros, polo que estamos ante unha promoción moi interesante para os usuarios fieis á compañía da mazá.
Movistar tamén mantén o seu financiamento habitual a 24 meses sen xuros, que permite facerse cun iPhone 6s por 24 cotas de 28,23 euros, ou sexa, un total de 677,52 euros, o que continúa a ser unha boa oferta, aínda que coa promoción Siempre Nuevo conseguirían un aforro adicional de 185,04 euros (condición que compensaría aos usuarios que pretendan renovar o seu iPhone cada dous anos).

PUBLICIDADE