Netflix convértese nun servizo global

xoves, 7 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Tras moitos anos de espera, o pasado 20 de outubro chegou a España o servizo de vídeo baixo demanda Netflix, e finalmente o resto de usuarios do mundo que agardaban polo servizo non terán que agardar o insufrible goteo de países que se ían incorporando a esta plataforma en liña, xa que a compañía aproveitou a celebración do CES de Las Vegas para anunciar o lanzamento global de Netflix, de xeito que xa está dispoñible en máis de 130 novos países.
Foi o propio Reed Hastings quen anunciou a expansión global de Netflix, asegurando que estamos ante “unha nova rede global de televisión por Internet” de xeito que agora haberá contidos que chegarán simultaneamente a espectadores de todo o mundo, sen as esperas que había até o momento, e podendo gozar das series e películas dende diversos dispositivos.
Esta plataforma non só conta con numerosos contidos audiovisuais que existían na televisión tradicional, senón que tamén ten as súas propias producións, das que Hastings confirmou que en 2016 teñen prevista a estrea de 31 series orixinais novas e outras tempadas das existentes, máis de 20 longametraxes e documentais, e unha grande variedade de especiais de stand up e 30 series orixinais infantís, dispoñibles ao mesmo tempo para os membros de todos os territorios onde Netflix está dispoñible.
Aínda que o inglés é a lingua predominante en Netflix, até o momento o servizo estaba traducido a 17 idiomas, aos que agora engaden o árabe, o coreano e o chinés, aínda que, China é case o único país do mundo que queda fóra desta expansión territorial (Crimea, Corea do Norte e Siria tampouco poderían acceder a Netflix por restricións impostas polo Goberno dos EE.UU.).

Os fabricantes reaccionan

A dispoñibilidade global de Netflix é unha oportunidade magnífica para os fabricantes de televisores, que teñen así un xeito ideal de promocionar os seus Smart TV e incluso os televisores 4K, que serían produtos que resultan moito máis atractivos de poder gozar de Netflix directamente, sen empregar un ordenador, un Chromecast ou unha consola de videoxogos para achegar os contidos á pantalla do salón.
LG é unha das primeiras compañías en aproveitar esta oportunidade, e dende o CES anuncia que formalizou unha alianza con Netflix para facilitar a súa expansión global, de xeito que os seus Smart TV integrarán Netflix, e destacan que os novos televisores permitirán que o público poida gozar das novas series de Netflix (como Daredevil) en 4K e HDR, tecnoloxías que actualmente están a emerxer como elemento chave dos televisores do futuro (que parecen ter dito adeus ao 3D).

PUBLICIDADE