O Apple Watch podería presentarse o vindeiro 9 de marzo

xoves, 26 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

O reloxo de pulso de Apple, pese a non estar aínda no mercado, continúa a acaparar titulares, comezando pola curiosa campaña promocional que Apple decidiu incluír na revista Vogue, onde o Apple Watch ocupa 12 páxinas consecutivas no seu novo número (que na edición dixital da revista substitúense por un vídeo), onde simplemente pode verse o reloxo no que será o seu tamaño real, amosando tamén as súas correas en detalle, dando a entender que Apple quere vender moda e non tecnoloxía co seu novo produto.
Para redondear a xogada, durante a xornada de hoxe comezaron a recibirse as invitacións a un evento de Apple que terá lugar o vindeiro 9 de mazo no Yerba Buena Center, acto no que é de agardar que dean todos os detalles do lanzamento do Apple Watch, detallando os distintos modelos e prezos, así como o calendario de lanzamento do reloxo de pulso a nivel mundial.
Aínda que os prezos do Apple Watch non se anunciaron oficialmente, e iPhone Ticker adiante unha táboa de prezos en dólares que parecen bastante cribles, e que posiblemente serán os que veremos finalmente (cunha previsible paridade euro-dólar).
O reloxo máis barato sería o Apple Watch Sport de 38 milímetros, que custaría 349 dólares, mentres que o modelo de 42 milímetros tería un prezo de 379 dólares, ambos con corpo de aluminio prateado e correas en cor branca, azul, verde ou rosa, mentres que o modelo de aluminio gris espacial e correa negra custaría 50 dólares máis.
A versión urbana, o Apple Watch, tería prezos de entre 599 e 999 dólares, en función do tamaño, a cor e a correa (que podería chegar a ser de aceiro inoxidable no modelo máis caro); e, finalmente, o Apple Watch Edition, con corpo de ouro de 18 quilates moveríase nun rango de prezos de entre 5.999 e 19.999 dólares (o máis caro incluiría tamén unha correa de ouro). Como curiosidade, só os modelos que parten dos 7.999 dólares ofrecerán a opción de outro rosa en vez de ouro amarelo.
Podemos ver a continuación a relacións de supostos prezos do Apple Watch detallada:

PUBLICIDADE