O CITIC concorre en 10 proxectos presentados á nova edición de Innterconecta con máis de 40 firmas

martes, 9 de abril do 2013 Redacción

Bertha Guijarro, coordinadora do centro de I+D emprazado no Campus de Elviña

Seguimos a falar da segunda entrega do programa FEDER-Innterconecta, logo do reconto de participación galega (119 proxectos presentados e máis de cincocentas empresas aspirantes) levado a cabo hoxe pola Consellería de Economía. Entre as entidades que están amosar máis actividade ao abeiro do devandito programa está o Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC), que participou na convocatoria galega dos ditos fondos (edición 2013) en 10 proxectos, cun importe medio superior a 2 millóns de euros. Lembrar que estes recursos, xestionados polo CDTI en colaboración coa Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, buscan promover grandes proxectos integrados de desenvolvemento experimental e investigación industrial en áreas estratéxicas para impulsar a I+D+i na Comunidade.
O CITIC asinou para esta convocatoria un total de 22 contratos con empresas. Xunto ao CITIC nestes consorcios, que mobilizan máis de 20 millóns de euros, participan máis de 40 firmas e “en varios deles é o único Organismo Público de Investigación”, informan fontes do CITIC.
Este programa europeo-galego promove, como lembraremos, a cooperación entre empresas e organismos de investigación, polo que ten como requisito que cada consorcio beneficiario deberá contar cun mínimo de tres empresas e unha participación mínima dun 15% dun Organismo Público de Investigación. As propostas de resolución definitivas publicaranse a través do CDTI e da Xunta de Galicia.
O CITIC participa nesta convocatoria a través das súas áreas tecnolóxicas en liñas de especialización nas que os seus investigadores son expertos, como Intelixencia Artificial, métodos de usabilidade, comunicacións sen fíos, sensorización, visión artificial, sistemas de información xeográfica, sistemas de recomendación, media en Rede e Fogar Dixital, sistemas distribuídos e matemática (estatística e investigación operativa). Entre os sectores nos que inciden os proxectos presentados inclúense os seguintes: saúde, naval, eficiencia enerxética, automoción, ferroviario e novas tecnoloxías da información.

Axudas do programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas: Agrupación Estratéxica CITIC. Cofinanciado por::

PUBLICIDADE