O CPEIG organiza un curso de Administración electrónica e arquivo electrónico administrativo coa EGAP

venres, 28 de agosto do 2015 Redacción

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, é o director do curso

O CPEIG, en colaboración coa EGAP e a AMTEGA, organiza un curso de Administración electrónica e arquivo electrónico administrativo que oferta 50 prazas en total. Esta actividade formativa pretende afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica, na concepción da Administración electrónica, con especial énfase no arquivo electrónico, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións da nosa comunidade. O director do curso é o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
A duración do curso, que é de balde, será de 114 horas (30 de prácticas presenciais e 84 horas de teleformación) e a inscrición que pode realizarse en liña remata o día 30 do presente mes de agosto.
A acción formativa vai dirixida aos empregados públicos das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local, e das universidades do Sistema Universitario de Galicia que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico que pertenzan a algunha das seguintes categorías: grupos A1 e A2 do persoal funcionario; grupos I e II do persoal laboral; grupo C (subgrupo C1) do persoal funcionario ou grupo III do persoal laboral incluído no ámbito de aplicación do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia e que estean en posesión do título de ciclo superior de formación profesional relacionado coa informática.
De quedaren prazas vacantes, poderán optar a elas os profesionais que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico.

PUBLICIDADE