O CPXG, PuntoGal e a Global Cyber Alliance organizan un webinar sobre ciberseguridade

xoves, 7 de marzo do 2024 S. P.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, PuntoGal e a Global Cyber Alliance (GCA) organizan co apoio do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia e o Nodo Galego de Ciberseguridade, o seminario en liña Cara a un novo xeito de falar de ciberseguridade: nomes, números e rutas. Contarase coa presenza de Carlos Seisdedos, Pablo López-Aguilar e Alejandro Fernández-Cernuda. O acto celebrarase o vindeiro mércores 20 de marzo a partir das 10.00 horas, a través da plataforma de formación en liña do CPXG, e a inscrición é gratuíta.
Segundo explica o Colexio de Xornalistas para poñernos en situación, a cobertura de noticias sobre ciberseguridade aumentou nos últimos anos cun impacto social moi alto, e neste contexto “a prensa soubo estar á altura, madurando o seu discurso e exercendo un claro labor pedagóxico que conseguiu levar a ciberseguridade ao lugar que merece entre as prioridades da cidadanía”, sinala o Colexio, engadindo que malia todo o destacado da información relacionada coa protección en liña localizouse “un fondo pesimista común” e un interese maioritario en falar de incidentes e problemas “máis que de solucións”. Para atallar isto é, precisamente, para o que se convoca a xornada formativa.
O webinar contará coa participación de tres expertos relatores: Carlos Seisdedos, investigador e analista de intelixencia en seguridade internacional e ciberseguridade e formador de forzas e corpos de seguridade na análise criminal e na ciberinvestigación; Pablo López-Aguilar, director asociado do programa de de seguridade da Global Cyber Alliance, traballou como investigador na Universidade Pompeu Fabra e director de tecnoloxía no Anti-Phising Work group; e Alejandro Fernández-Cernuda, director de compromiso do programa de integridade na Internet na GCA con máis dunha década de experiencia en ciberseguridade. O acto estará presentado pola xornalista Valeria Pereiras, membro da Xunta de Goberno do CPXG, e desenvolverase segundo o seguinte programa:
10.00: Presentación a cargo de Valeria Pereiras
10.20: Carlos Seisdedos: Reflexións sobre a cobertura mediática da ciberseguridade
10.40: Pablo López-Aguilar: As infraestruturas da Internet e o risco cibernético
11.00: Alejandro Fernández-Cernuda: O ecosistema colaborativo que protexe Internet
11.20: Debate: Claves para unha nova narrativa?
A realización desta sesión formativa encádrase na colaboración das entidades participantes para mellorar a ciberseguridade das e dos xornalistas. O pasado ano, este traballo en común materializouse na presentación da tradución ao galego da caixa de ferramentas realizada pola Global Cyber Alliance para garantir a seguridade das comunicacións e do almacenamento de datos das e dos xornalistas, que compila utilidades para o seu uso sinxelo e de balde.
O curso realizarase a través da plataforma de formación en liña do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, con prazas limitadas, e é gratuíto para colexiados e colexiadas e outras persoas interesadas. Para inscribirse é preciso enviar, antes do luns 18 de marzo, un correo a xornalistas@xornalistas.gal. A reserva de prazas realizarase por rigorosa orde de inscrición. Se tes algunha dúbida, podes consultar no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670.

PUBLICIDADE