O Campus de Ferrol acolle este xoves o 3º Hackathon Navantia Next Pioneers

luns, 26 de febreiro do 2024 S. P.


Este xoves o Campus de Ferrol vai acoller a terceira edición do Hachathon Navantia Next Pioneers, un reto de 24 horas proposto pola empresa naval para atopar unha solución innovadora. Este é o desafío ao se que enfrontan os 55 estudantes de enxeñaría da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) e da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e os cinco enxeñeiros e enxeñeiras júnior de Navantia que resultaron seleccionados para participar na terceira edición do Hackathon Navantia Next Pioneers, que dará comezo este xoves 29 de febreiro, ás 15:00 horas, no Campus Industrial de Ferrol.
En palabras da UDC, o evento preséntase como “unha oportunidade única para innovar, crear, aprender, colaborar e demostrar talento”. Navantia e o Campus Industrial da Universidade da Coruña, en colaboración coa Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) e máis coa Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), definen a cita como un “espazo no que experimentar coa transformación dixital e as smartTech”. Así, ao longo das 24 horas que dura este hackathon as persoas participantes, divididas en pequenos equipos de non máis de cinco persoas, contarán co apoio de profesionais do sector naval e da enxeñaría para acadar a solución do reto proposto.
Do mesmo xeito, os participantes recibirán dúas charlas motivadoras co obxectivo de animalos e animalas a continuar traballando a contra reloxo na procura desa solución innovadora. A primeira delas, prevista para o xoves 29 de febreiro, ás 20:30 horas, será impartida, vía Teams, polo responsábel comercial para Europa de Navantia, Alfonso Valea González. A segunda terá lugar o venres 1 de marzo, ás 8:30 horas, e estará a cargo da responsable das Relacións con Universidades e integrante do Departamento de Recursos Humanos de Navantia, María Teresa Galdo Aldrey.
Entre o grupo de estudantes da Universidade da Coruña seleccionados para participar nesta terceira edición do Hackathon Navantia Next Pioneers figura alumnado dos últimos cursos do Grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto, titulación que se imparte na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), e do Grao en Enxeñaría Mecánica, do programa de Simultaneidade do Grao en Enxeñaría Mecánica e do Grao en Enxeñaría Naval e Oceánica, do Máster en Informática Industrial e Robótica, do Máster en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade así como do Máster Erasmus Mundus en Sostibilidade e Industria 4.0 aplicada ao Sector Marítimo (SEAS 4.0), todos eles estudos vinculados á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).
O xurado estará composto por profesionais designados por Navantia, pola Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) e máis pola Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF). Tal e como se recolle nas bases do Hackathon Navantia Next Pioneers, este xurado valorará, entre outros, o grao de adecuación e impacto da solución do problema, o grao de creatividade e innovación da idea, a súa viabilidade tanto técnica como económica, así como a calidade e a claridade da súa exposición. Os e as integrantes do equipo gañador obterán unha bolsa de formación dun ano de duración en Navantia.

PUBLICIDADE