O DOG publica o decreto que facilita a dotación de servizos dixitais nos edificios públicos

mércores, 10 de febreiro do 2016 Redacción

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Decreto 11/2016 do 28 de xaneiro que asegurará que os edificios da Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia conten coas infraestruturas necesarias para as comunicacións internas e o acceso aos servizos de telecomunicacións.
Con esta norma búscase garantir que os edificios públicos estean dotados do equipamento preciso para ofrecer uns servizos dixitais de calidade coas máximas garantías de seguridade e dispoñibilidade. É un decreto fundamental para poder avanzar cara edificios intelixentes, conectados a redes utrarrápidas, enerxeticamente eficientes e adaptados a servizos en mobilidade.
Trátase dunha norma que acompaña á implementación de servizos dixitais en todos os ámbitos que está a impulsar o Goberno autonómico dentro da Axenda Dixital de Galicia 2020: consolidar a eAdministración, proporcionando servizos online cada vez máis rápidos, sinxelos e eficaces; avanzar cara o expediente xudicial electrónico, simplificando a tramitación e axilizando os procedementos, potenciando a relación telemática entre os distintos axentes; continuar o proceso de transformación do sistema educativo galego, coa dixitalización das aulas e os contidos dixitais; a evolución das iniciativas de eSaúde e a prestación de servizos sanitarios no Fogar Dixital.
Este decreto é o segundo desenvolvemento normativo derivado da Lei 3/2013, de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia, que estableceu o marco legal para garantir un desenvolvemento áxil, ordenado, eficiente e respectuoso co ambiente das infraestruturas de telecomunicacións.

Requisitos para edificios de nova construción e inmobles existentes

No caso de edificacións de nova construción e de reformas substanciais, o decreto contempla a inclusión no deseño arquitectónico das infraestruturas de obra civil e outros elementos precisos para soportar os sistemas de telecomunicacións. Esta medida evitará a necesidade de realizar obras de adaptación unha vez concluído o inmoble, o que suporá un importante aforro.
Por outra banda, o decreto regula as prescricións de deseño, instalación e verificación que deberá cumprir calquera proxecto de implantación de infraestruturas de telecomunicacións en inmobles existentes.
Estas determinacións e prescricións técnicas teñen como finalidade racionalizar e homoxeneizar a calidade das instalacións para aumentar a dispoñibilidade dos servizos á vez que se optimizan os custos. Estes requirimentos serán concretados na Guía de especificacións dos sistemas de telecomunicacións que se elaborará nun prazo máximo de seis meses dende a entrada en vigor do decreto e que tratará polo miúdo cuestións como:
- Criterios de deseño e dimensionamento das infraestruturas de telecomunicacións a instalar nos edificios públicos que se constrúan ou remodelen.
- Especificacións técnicas dos elementos das infraestruturas, requisitos de instalación dos mesmos e procedementos de verificación posteriores.
- Documentación técnica que debe xerarse no proceso de instalación.

PUBLICIDADE