O FBI interésase pola plataforma galega de detección contra a pedofilia

venres, 19 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

A tecnoloxía de seguimento en liña que achega a Universidade de Vigo, tal e como sinalamos hai unhas semanas, segue a dar bos froitos. Se daquela informabamos do seu potencial para a resolución da operación Telémaco contra a pedofilia na Rede, agora toca falar dun recoñecemento de excepción ao devandito potencial: o que vén de dar a coñecer o FBI, para quen está máis que clara a efectividade de Vicus, que é o nome da plataforma de detección desenvolvida polo Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo. Cómpre lembrar que o sistema, desenvolvido en colaboración coa Garda Civil e o centro tecnolóxico Gradiant, estreouse en setembro con Telémaco, o que fixo posible a detención de 13 persoas.
Segundo fixo saber os días pasados a Garda Civil, un dos puntos fortes de Vicus é a súa capacidade para filtrar os usuarios que teñan no seu poder un mínimo de 15 arquivos de contido pedófilo e os intercambien en redes P2P. A ferramenta, engade o corpo armado, permite facer procuras no eido mundial, malia que polo de agora a Garda Civil só actúa no ámbito estatal, e dese punto xorde precisamente o interese do FBI, órgano de investigación que foi informado das pescudas realizadas en Estados Unidos. No proceso de deseño do sistema Vicus tomaron parte xunto con Juan Carlos Burguilo, o profesor Enrique Costa, experto en redes P2P, e a enxeñeira do proxecto, María José Bellas.

PUBLICIDADE