O Plan de Software Libre 2016 contará coa colaboración dos principais axentes do sector

xoves, 5 de maio do 2016 Redacción

O Plan de Software Libre 2016, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) contará un ano máis coa achega dos axentes do software libre da Comunidade, tras asinar novos convenios de colaboración coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL); con catro Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre (AGUSL), Ghandalf, GPUL, Asociación Cultural Proxecto Trasno e XeoPesca; e co Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado polas tres universidades galegas.
Os acordos asinados, cunha dotación conxunta de 125.000 euros, permitirán a realización dunhas 30 actuacións, que inclúen a tradución de Software Libre, a organización de xornadas, cursos, obradoiros, o fomento do software libre en proxectos de cooperación ou solidariedade social ou a formación en Software Libre nas Universidades.
O Plan de Acción en Software Libre 2016 ten como obxectivo promover a reutilización de software na administración pública, o impulso dunha oferta de solucións libres e de calidade para as nosas empresas, e incrementar o uso e coñecemento do software libre por parte da sociedade.

Colaboración con AGASOL

AGASOL organizará unha xornada de colaboración empresarial e software libre, co obxectivo de xerar encontros entre empresas do sector tecnolóxico e o software libre e outros sectores como a agricultura, ciencia, cultura, etc. Ademais, achegará a súa experiencia para o apoio ao proceso de migración a software libre do posto de traballo do empregado público e para a titorización respecto á certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX) para a cidadanía.

Actuacións das AGULS

As 4 asociacións asinantes do acordo desenvolverán preto de 20 actuacións entre as que cómpre destacar a colaboración de Ghandalf na organización da Open Source Hardware Demonstratrion (OSHWDEM) ou o seu proxecto piloto de investigación de emprego de Drons para mapeo sobre OpenStreetMap.
Pola súa parte entre as actividades da asociación Trasno está a celebración de novas edicións das súas Trasnadas, xornadas para o debate terminolóxico, ou o proxecto de tradución da aplicación civiCRM dirixida a entidades do terceiro sector. No caso de GPUL salientar a celebración dos GPUL Labs, serie de obradoiros e sesións co obxectivo de crear unha comunidade activa de desenvolvedores de software libre en Galicia.
Finalmente, Xeopesca centrarase en difundir e mellorar a aplicación Xeopesca para o sector pesqueiro, así como en continuar coa súa investigación e difusión do uso de hardware libre neste sector.

Colaboración coas Universidades

O CIXUG manterá un ano máis as súas actividades de formación en tecnoloxías libres á comunidade universitaria así como soporte aos técnicos no uso destas solucións e coa tradución ao galego de software de interese no ámbito universitario.
Estes acordos súmanse aos asinados recentemente pola a AMTEGA e os colexios profesionais de Enxeñaría Informática e Enxeñaría Técnica Informática (CPEIG e CPETIG) que tamén incorporaban algunhas accións en prol do fomento do Software Libre.

PUBLICIDADE