O Portal GAIA centra unha xornada este 21 de marzo sobre xestión dixital de residuos

luns, 11 de marzo do 2024 S. P.

Nun esforzo por promover a innovación e a sustentabilidade na xestión de residuos, a Oficina Acelera PEME Rural de AEMOS (Asociación de Empresarios de Mos) organiza en colaboración con APROEMA (Asociación Profesional de Empresas Ambientais de Galicia) un encontro para intercambiar ideas arredor da transformación sustentábel e intelixente en materia de tratamento de refugallos: a xornada titulada A Xestión Dixital de Residuos: Portal GAIA da Xunta de Galicia.
Este evento está programado para o día 21 de marzo, no horario de 16.30 a 18.30, e terá lugar no Viveiro de Empresas AEMOS, situado en Anel, Camiño da Lagoa, 1, en Mos.
En concreto a xornada ten como obxectivo principal explorar as oportunidades que ofrece a dixitalización na xestión de residuos, especificamente a través do Portal GAIA (Plataforma Galega de Información Ambiental) da Xunta de Galicia.
GAIA, como plataforma integral, proporciona ás empresas un acceso simplificado para cumprir coas súas obrigacións ambientais de maneira eficiente e transparente.
O programa incluirá sesións informativas impartidas por destacados expertos na materia, como Santiago Cristin, avogado con ampla experiencia en consultoría ambiental, e Arancha Mañas, presidenta de APROEMA, quen liderará un taller práctico sobre o uso efectivo da plataforma GAIA.

PUBLICIDADE