O SERGAS adxudica a Coremain a totalidade do Servizo de Información Hospitalaria

venres, 20 de novembro do 2015 Redacción

A empresa galega Coremain, con sede principal no Polígono de Costa Vella de Santiago, vén de informar da renovación do seu acordo co Servizo Galego de Saúde (SERGAS), un acordo que se ten materializado estes anos no mantemento de Sistema de Información Hospitalaria de Galicia (SIHGA), entre outras tarefas de provisión. Precisamente o SIHGA volve ser protagonista da actualización do contrato, no que se establece que Coremain seguirá sendo responsábel do seu mantemento. A través do acordo, asinado recentemente polo SERGAS (a través da súa Dirección de Recursos Económicos) e a firma de Compostela, confíase a Coremain os tres lotes da adxudicación, por un importe de 1,3 millóns de euros e un prazo de execución dun ano con posibilidade de prórroga.
Fontes da firma de Santiago salientan a traxectoria de Coremain (dúas décadas) participando e colaborando activamente co sector da saúde, sobre todo en Galicia, “contribuíndo de maneira continuada ao proceso de modernización tecnolóxica da sanidade”. Esta experiencia, sinalan os responsábeis da empresa, “xerou un amplo coñecemento dos sistemas involucrados, as actividades e as necesidades do servizo”.
Respecto das liñas de traballo estipuladas no acordo, sinalar que as aplicacións e proxectos obxecto do contrato sitúanse tanto na área de xestión coma no ámbito clínico, abranguéndose por unha banda (xestión) os servizos de xestión de incidencias, de xestión de problemas e de xestión da entrega de todas as aplicacións da área clínica e da área de xestión do Servizo de Xestión de Proxectos de Sistemas de Información; e pola outra (ámbito clínico) a xestión de proxectos das áreas de clínica e xestión así como a análise e o desenvolvemento evolutivo e correctivo dos sistemas de información hospitalarios de Galicia.
Nun plano máis detallado a Área de Xestión inclúe tarefas e como a xestión de persoal e nóminas, de quendas, de compras e subministracións, o catálogo de produtos do SERGAS, a xestión de contabilidade, o rexistro de profesionais ou os procesos DataStage. A Área Clínica abrangue urxencias, admisión de hospitalización, consultas externas, listaxe de espera, actividade cirúrxica, arquivo de historias clínicas, codificación, hospital de día, cita web, coidados de enfermaría, rehabilitación, etc....

PUBLICIDADE