O desenvolvemento de videoxogos dende Galicia centrou as primeiras charlas da HobbyCon

xoves, 3 de xullo do 2014 Marcus Fernández

A feira multidisciplinar HobbyCon botou hoxe a andar no PALEXCO da Coruña, coa previsible grande actividade na sección de videoxogos, onde os numerosos asistentes puideron gozar de consolas de onte e hoxe, competindo cos seus amigos e participando en distintos torneos á vez que, dentro dun programa de actividades máis formal, tamén foi posible realizar un achegamento á face máis profesional do sector a través dunha charla conxunta que impartiron Carlos Fernández (Moonbite Games) e Fernando Prieto (Gato Salvaje Studio) na que narraron o camiño que os levou a que os seus últimos xogos chegasen a bo porto.
Carlos Fernández botou a vista atrás para contar a súa viaxe do sector audiovisual ao mundo dos videoxogos, para intentar facer realidade Zombeer, un título de acción en primeira persoa que combina zombis e humor, e que pasou por numerosas dificultades antes de ver a luz en PlayStation 3, estando agora a piques de estrear versión para PC a través de Steam. O proxecto comezou en Galicia, aínda que os atrancos que xurdiron levaron a que tivesen que mudar o estudio a Cataluña para poder completar os varios anos de traballo, conseguindo un produto que non dubidou en definir como distinto ao que podemos atopar habitualmente no mercado.


Trailer de Zombeer
A intervención de Fernando Prieto centrouse máis no que supón apoiarse no micromecenado (concretamente en Kickstarter) para conseguir o financiamento para levar un xogo adiante. Comentou que tras o seu éxito para financiar AR-K, título que prevé estrea o seu segundo episodio (e re-estrear o primeiro nunha versión mellorada) en pouco máis de dúas semanas, axudan a outras compañías españolas a captar financiamento a través de Kickstarter, considerando que actualmente é unha magnífica oportunidade para o desenvolvemento de videoxogos de xeito independente, e coas vantaxes que pode supor o control previo do xogo que fai o público co seu nivel de apoio (o que permite aprender dos erros cun custo inferior que mediante proxectos desenvolvidos tradicionalmente).


Trailer do segundo episodio de AR-K

A complicidade entre Fernández e Prieto serviu para amosar a disposición para colaborar que existe entre os creadores galegos de videoxogos

PUBLICIDADE